87 millóns de nenos menores de 7 anos só viviron en zonas en conflito
Máis de 86,7 millóns de nenos menores de sete anos pasaron toda a súa vida nunha zona asediada por un conflito, un factor que representa un risco para o desenvolvemento do seu cerebro, segundo afirmou hoxe UNICEF.
Durante os sete primeiros anos da
súa vida, o cerebro do neno ten a posibilidade de activar 1.000
células cerebrais por segundo. Cada unha destas células, chamadas
neuronas, ten a facultade de conectarse miles de veces por segundo
con outras 10.000 neuronas. As conexións do cerebro son elementos
básicos para o futuro do neno, xa que definen como será a súa
saúde, o seu benestar emocional e a súa capacidade de
aprendizaxe.
Os nenos que habitan en zonas de
conflito están a miúdo expostos a traumas extremos que lles poñen
en risco de vivir nun estado de tensión tóxica. Isto inhibe a
conexión das células do cerebro e ten importantes consecuencias no
seu desenvolvemento cognitivo, social e físico durante o resto da
súa vida.
"Ademais das ameazas físicas
inmediatas que afrontan os nenos durante estas crises, corren tamén
o risco de sufrir profundas cicatrices emocionais", dixo a
responsable de UNICEF para o desenvolvemento na primeira infancia,
Pia Britto.
Segundo datos de UNICEF, en todo
o mundo 1 de cada 11 nenos menores de 7 anos viviu nunha situación
de conflito durante a época da súa vida máis importante para o
desenvolvemento do seu cerebro.
"Os conflitos privan aos nenos da
súa seguridade, da súa familia e dos seus amigos, do xogo e da
rutina. Estes son os elementos que durante a infancia ofrecen aos
nenos as mellores oportunidades posibles para ter un
desenvolvemento pleno e unha aprendizaxe eficaz, o cal lles
permitirá contribuír ás súas economías e sociedades e crear
comunidades sólidas e seguras cando sexan adultos", dixo Pia
Britto.
"Esta é a razón pola cal debemos
investir aínda máis para proporcionar aos nenos e ás coidadoras
subministracións e servizos esenciais, como materiais pedagóxicos,
apoio psicosocial e espazos amigos da infancia. Todo iso pode
contribuír a recuperar, no medio do conflito, o sentimento de ser
un neno".
Un neno nace con 253 millóns de
neuronas activas, pero para que o cerebro alcance a súa plena
capacidade de funcionamento na idade adulta, con ao redor de 1.000
millóns de neuronas capaces de conectarse entre elas mesmas, é moi
importante o desenvolvemento na primeira infancia. Isto inclúe a
lactación materna e a nutrición temperá, a estimulación precoz por
parte dos coidadores, as oportunidades de aprendizaxe desde idades
temperás e a posibilidade de crecer e de xogar nunha contorna
segura e sa.
Como parte das súas intervencións
en situacións de emerxencia humanitaria e crises prolongadas,
UNICEF trata de manter aos nenos en contornas amigas da infancia,
proporcionándolles kits de emerxencia con materiais pedagóxicos e
recreativos. Soamente o ano pasado, os kits de emerxencia deron
apoio a máis de 800.000 nenos que se atopaban en situacións de
emerxencia.
Para descargar fotos e vídeos:
ftp://video.unicef.es/ninos_nacidos_conflictos
Usuario: Refcom
Contrasinal: uce442087