1 de cada 4 adolescentes en Galicia fai un uso problemático da Internet e as redes sociais

UNICEF Galicia demanda políticas máis contundentes que protexan os dereitos da infancia na contorna dixital.

1 de cada 4 adolescentes en Galicia hace un uso problemático de Internet y las redes sociales

09/02/2022

Un de cada catro adolescentes en Galicia usa de forma intensiva e sen supervisión Internet e as redes sociaisi, e un de cada cinco podería ter un certo enganche aos videoxogos, segundo o informe que presentou onte UNICEF Comité Galicia: Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia. Relacións, Riscos e Oportunidades.

O estudo, elaborado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consejo General de Colegios de Ingeniería en Informática (CCII), lanza as opinións de máis de 3.000 adolescentes de 19 centros de Ensino Secundario Obrigatorio de Galicia, dos que o 90,8% conéctase a Internet todos ou case todos os días.

Aínda que recoñecen que a rede lles pode facer sentir alegría (97,9%), diversión (82,9%), tranquilidade (81,9%) ou apoio e comprensión (71,5%), do informe despréndense tamén conclusións e datos preocupantes. Aqueles adolescentes que fan un uso problemático da Internet ou que poderían ter unha posible adicción aos videoxogos presentan niveis máis baixos de integración social e familiar, benestar emocional e satisfacción coa vida.

Non estar presente en redes sociais é un feito excepcional para os estudantes galegos da ESO: o 97,9% está rexistrado nalgunha rede social e o 80,5%, de feito, está rexistrado en tres ou máis redes sociais. Aínda que é necesario resaltar que seis de cada dez teñen máis dun perfil nunha mesma rede social, perfís que utilizan selectivamente para familia e coñecidos ou para grupos de iguais.

Así, cinco de cada dez, un 53,6%, contactaron con descoñecidos a través de Internet, chats ou redes, e un 54,1% aceptou a descoñecidos en redes sociais. As prácticas do sexting e o ciberacoso son cada vez máis habituais, sendo identificadas polos propios adolescentes como os principais riscos que presenta a tecnoloxía: catro de cada dez dos enquisados asegura recibir algunha vez mensaxes de contido erótico/sexual, un de cada dez recibiu –a través de redes, chats, Internet ou videoxogos- unha proposición sexual por parte dun adulto, e dous de cada dez poderían estar a sufrir ciberacoso.

Os videoxogos constitúen unha importante canle de socialización e interacción social, a través da cal os adolescentes coñecen xente e fan amigos. Para seis de cada dez adolescentes é a súa principal canle de lecer e entretemento, aínda que cinco de cada dez recoñecen xogar a xogos non recomendados para a súa idade.

En relación á supervisión parental, só tres de cada dez pais se fixa no PEGI (Pan European Game Information, sistema europeo de clasificación de videoxogos por idade).

Tamén preocupan o xogo e as apostas en liña, xa que se estima que 3.000 estudantes de ESO en Galicia fixérono algunha vez na súa vida; o 45,5% deles di que a súa motivación foi gañar diñeiro. E, aínda que un 22,6% dos enquisados asegura ter discusións cos seus pais, nais ou coidadores pola tecnoloxía polo menos unha vez á semana, o informe constata que só ao 34,9% lles poñen límites ou normas os seus pais sobre o uso da Internet e/ou as pantallas.

Neste sentido, e á vista dos resultados do informe, a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso debe ser unha prioridade, debido a que se detectaron taxas de vitimización sensiblemente máis altas que as que ofrecen as estatísticas oficiais. É necesario tamén tomar medidas para reducir as preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou posibles casos de groomingii, así como abordar o uso problemático das redes sociais e posibles adiccións a videoxogos.

Para construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa, propoñemos as seguintes recomendacións, que velan por salvar, protexer e impulsar á infancia no mundo dixital

  • A necesidade de que as familias conten con ferramentas e apoio para poder exercer o seu labor educativo e de acompañamento.
  • Promover a importancia do sistema educativo como ámbito clave para adquirir as pautas e ferramentas necesarias para manexarse en Internet.
  • Que os propios adolescentes reciban a información necesaria tanto para poder comprender os riscos como para poder denunciar situacións de abuso.
  • Contar con políticas máis contundentes por parte das institucións para a protección dos nenos e a súa imaxe na rede.
  • A industria tecnolóxica ten que garantir a protección dos adolescentes a través de, por exemplo, recomendacións claras de uso e privacidade. 

O informe foi presentado onte en Santiago de Compostela nun acto que contou coa participación de Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia; Antonio Rial, profesor de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e responsable do estudo e Fernando Suárez, presidente do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería en Informática (CCII), que dirixiu o soporte tecnolóxico do estudo.

Na mesa redonda, conducida por María Solar, xornalista e escritora, participaron Belén Montesa, psicóloga, experta en adolescentes; Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS Galegas; Andrea Herrero, profesora de secundaria e Directora do IES Praia Barraña, Boiro; e dous adolescentes, Beatriz e Martín, membros dos Consellos Locais de infancia e adolescencia de Teo e Nigrán, respectivamente. Inauguraron o acto Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia, Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade e Fernando Suárez, presidente do CCII.

Campaña #EducaTRIC

Con motivo da presentación deste informe, UNICEF Galicia pon en marcha unha campaña de sensibilización dirixida aos propios adolescentes, familias, educadores, institucións e industria tecnolóxica co obxectivo de visibilizar os riscos aos que se enfrontan os rapaces e rapazas na contorna dixital.

Baixo o cancelo #EducaTRIC, personalidades públicas galegas do mundo da cultura, a sanidade e o deporte quixéronse sumar á campaña e traballar para construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa.

Vídeo Lucía

 

 

 

Descarga o resumo executivo do informe en Galego


i Uso Problemático da Internet refírese, segundo a OMS, ao posible enganche a Internet e ás redes sociais. Caracterízase por unha elevada frecuencia e intensidade de conexión (moitos días e moitas horas) e un alto grao de interferencia no día a día do adolescente. 

ii Forma de pederastia vinculada a Internet e redes sociais; é unha serie de prácticas -normalmente, crear un perfil falso en redes facéndose pasar por un menor de idade- levadas a cabo por adultos para gañarse a confianza de nenos e adolescentes con fins sexuais.