Auga potable e alimentos para os nenos afectados polos terremotos en Siria
Auga potable e alimentos para os nenos afectados polos terremotos en Siria
Co apoio da Xunta de Galicia instalamos latrinas móbiles e distribuímos subministracións nutricionais, medicamentos esenciais e kits de auga e hixiene
© UNICEF/UN0789452/Haj Ahmad
05/06/2023
Despois dos terremotos que afectaron ao noroeste de Siria o pasado mes de febreiro, a situación dos nenos, nenas e as súas familias é crítica. En UNICEF estamos alí desde o primeiro momento, proporcionando auga, saneamento, hixiene e subministracións nutricionais para a infancia e mulleres en período de lactación.
A Xunta de Galicia, no marco do convenio firmado con UNICEF o pasado abril para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes e crisis humanitarias, está colaborando con UNICEF en Siria.
Para iso, entre outras accións, estamos instalando latrinas móbiles e distribuíndo auga potable en tanques, así como kits de auga e hixiene para as familias e subministracións nutricionais esenciais, para atender a unha poboación que xa se atopaba nunha situación humanitaria crítica antes do terremoto.
O plan de resposta de UNICEF ao terremoto en Siria prevé chegar a 5,4 millóns de persoas, incluídos 2,6 millóns de nenas e nenos.
Co apoio da Xunta de Galicia, UNICEF céntrase na prevención de enfermidades transmisibles pola auga, mediante o acceso a auga, saneamento e hixiene adecuados, ademais de cubrir as necesidades básicas de nutrición. Para iso, garántese a subministración de auga potable a través de xeradores, a instalación de tanques de almacenamento e a disposición e uso de cloro para a desinfección da auga.
Doutra banda, estanse entregando kits familiares básicos de auga para que as familias dispoñan rapidamente de auga potable para o consumo, a cociña e a hixiene persoal, incluíndo artigos de hixiene para bebés.
Co obxectivo de evitar a defecación ao aire libre estanse subministrando materiais para a correcta xestión de residuos, así como instalacións de saneamento como latrinas para canalizar as excrecións.
A colaboración coa Xunta de Galicia contempla a adquisición de subministracións nutricionais, suplementos de micronutrientes para os nenos e nenas, así como medicamentos esenciais, fundamentais para acompañar ao tratamento da desnutrición nos casos que teñen complicacións médicas como malaria, diarrea ou infeccións respiratorias.
Unha das maneiras máis efectivas de previr a desnutrición infantil é mellorar o estado nutricional das nais e das mulleres en período de lactación. A colaboración inclúe a subministración de ferro e ácido fólico para este sector da poboación.