Contribuímos á redución da transmisión do cólera en Haití
Unha nai ensina á súa filla pequena como debe lavarse as mans con auga limpa proporcionada por UNICEF, unha práctica sinxela que contribúe á redución da transmisión de enfermidades en Haití. © UNICEF/UNI557556/Erol
2/12/2024
Coa colaboración da Deputación de Pontevedra, distribuímos subministracións de saúde, auga, saneamento e hixiene para os nenos, nenas, familias e centros sanitarios.
Ao longo da última década, Haití sufriu perdas humanas e económicas terribles como consecuencia de dous grandes terremotos, catro furacáns, a pandemia de enfermidade polo coronavirus de 2019 e a epidemia por cólera que impactaron na totalidade do país.
En outubro de 2022, despois de máis de tres anos sen ningún caso reportado, Haití declarou un rexurdimento do cólera, unha enfermidade mortal cando se asocia con desnutrición. Segundo datos do goberno, entre outubro de 2022 e agosto de 2024, Haití notificou un total de 86.791 casos sospeitosos de cólera.
A falta de acceso á auga é un problema clave con graves implicacións para a progresión da enfermidade. A epidemia está a agravar as disparidades existentes e está a aumentar aínda máis a vulnerabilidade dos nenos e as súas familias.
3 millóns de nenos necesitan axuda humanitaria
Unha combinación de crises relacionadas coa inestabilidade política, os disturbios civís, a violencia, a pobreza extrema e os desastres naturais está a poñer en perigo o benestar e o futuro dos nenos e as nenas en Haití.
Más de 3 millóns deles - a cifra máis alta xamais rexistrada no país - necesitan axuda humanitaria.
As vulnerabilidades presentes na poboación inclúen a malnutrición, os desprazamentos internos, as estruturas non funcionais, o acceso limitado ou inexistente aos servizos de saúde, a escaseza de combustible, o acceso limitado á auga potable e as deficientes instalacións de saneamento e hixiene, entre outras.
Estes factores tiveron un impacto na dinámica do rexurdimento do cólera e na gravidade da enfermidade en pacientes con enfermidade diarreica aguda.
O acceso ás zonas afectadas é difícil e, por tanto, a avaliación oportuna da situación epidemiolóxica e a prestación de atención médica para os casos é complexa. A crise de seguridade tamén afectou á capacidade do sistema de saúde pública e das organizacións internacionais para responder eficazmente.
Os nenos e as nenas son as primeiras vítimas porque poden ver o seu desenvolvemento físico e cognitivo comprometido cando contraen esta enfermidade.
O traballo de UNICEF en Haití
UNICEF traballa en coordinación con outras axencias de Nacións Unidas, cos actores gobernamentais a nivel nacional e local, así como con ONG tanto locais como internacionais e forma parte da resposta conxunta das Nacións Unidas nas emerxencias neste país.
Estamos a ampliar a nosa resposta proporcionando apoio ao Goberno no acceso e a continuidade dos servizos básicos, á vez que contribuímos ás estratexias para a axuda humanitaria, o desenvolvemento e a consolidación da paz.
UNICEF proporciona servizos de auga, saneamento e hixiene, educación, saúde, nutrición, protección da infancia, protección social, apoia aos equipos de resposta rápida contra o cólera e mantén as actividades de redución do risco de desastres e preparación para emerxencias.
No que vai de ano, en colaboración coas autoridades e as organizacións da sociedade civil, UNICEF distribuíu subministracións esenciais de auga e hixiene a máis de 240.000 persoas, e examinou a máis de 290.000 nenos e nenas en busca de casos de desnutrición aguda, manifestación clínica de delgadez excesiva normalmente causada por enfermidades ou falta de nutrición. Destes nenos e nenas examinados, detectáronse e trataron case 27.000 casos.
Apoio da Deputación de Pontevedra
Coa colaboración da Deputación de Pontevedra, UNICEF proverá ás familias e centros sanitarios as subministracións necesarias para poder facer fronte ao brote de cólera, prestando especial atención ás persoas que puideron contraer a enfermidade.
Tamén se entregarán materiais destinados á desinfección da auga para previr infeccións masivas.
Entre os insumos proporcionaranse:
Kits de hixiene e kits contra o cólera: que inclúen xabóns, pastillas potabilizadoras, accesorios para a desinfección e acceso a auga limpa, e para a proba e tratamento de fontes de auga.
Caixas de primeiros auxilios médicos, medicamentos esenciais e outros materiais necesarios para a resposta inicial e o tratamento de pacientes nas estruturas sanitarias.
Ademais, entregaranse megáfonos de gran utilidade para poñer en marcha accións de sensibilización que permiten manter á poboación informada e previr así a transmisión.
Fondo de Emergencias
Ayúdanos a estar preparados ante una emergencia.