Crise en Iraq: 5 cousas que debes saber sobre a situación dos nenos
1. Sen fogar, asustados e empobrecidos: esta é a realidade actual para moitos nenos desprazados durante as dúas últimas semanas pola violencia en Iraq.
"As familias desprazadas coas que me reunín contan a mesma historia de medo e incerteza", di Marzio Babille, representante de UNICEF en Iraq, despois de visitar Tel Keif, unha cidade situada varios quilómetros ao norte de Mosul.
"Os nenos estaban visiblemente aterrados. Sobreviviron algúns dos anos máis escuros de Iraq e están a volver vivir pesadelos que pensaban que quedaran atrás. Moitos din que os combates, e as noticias de secuestros e execucións sumarias, os obrigaron a fuxir".
2. Obrigados a combater: hai informes alarmantes que indican que se obriga os nenos a combater, o que supón un flagrante desprezo pola súa seguridade e benestar, e unha violación do dereito humanitario internacional. UNICEF reitera o seu chamamento a todas as partes para que cumpran coas súas obrigas de protexer os nenos.
3. Enfermos: a polio e outras enfermidades erradicadas en Iraq volveron aparecer. Multiplícase o risco de que se produzan brotes de enfermidades nos calorosos meses do verán. Acaba de levarse a cabo unha campaña de inmunización de catro días de duración, que permitiu vacinar 6.000 nenos contra a polio e o sarampelo pero que fai falta moita máis protección.
4. Illados: a medida que se amplía a escala das actividades humanitarias, UNICEF está profundamente preocupado pola situación dos nenos nas zonas onde as organizacións humanitarias non poden chegar debido á inseguridade.
5. Pendentes da axuda humanitaria: dende que estalara a última ondada de violencia, UNICEF distribuíu 100.000 litros de auga potable, 5.000 paquetes de comida e 3.500 conxuntos de hixiene que beneficiaron a máis de 50.000 nenos.
Fai un donativo para a emerxencia en Iraq