‘Contaxio’ colma de amor, respecto e cooperación ás bibliotecas municipais, centros de protección e centros educativos de Galicia
Creado por Fran Alonso, Ledicia Costas e María Solar o conto representa unha viaxe emocional en tempos da COVID19.
Uns meses despois do lanzamento da versión audiovisual, UNICEF Comité Galicia presenta a versión impresa de ‘Contaxio’, un conto colaborativo que xurde do desexo de promover o dereito á educación e á cultura dos nenos e nenas galegos en tempos da COVID19. Un conto didáctico profundamente traballado e tecido a través das emocións - alegría, amor, satisfacción, responsabilidade, cooperación, respecto - coa finalidade de promover a aprendizaxe da cativada.
Escrito por María Solar, Ledicia Costas e Fran Alonso, ilustrado por Leandro Lamas e Lucía R. Regueiro e promovido pola actriz, presentadora e amiga de UNICEF Comité Galicia, Lucía Regueiro; xa o podemos ler nas bibliotecas municipais, nas bibliotecas dos centros educativos e nos centros de protección á infancia de Galicia grazas ao apoio brindado pola Consellería de Política Social e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
“Cando escribimos ‘Contaxio’ os nenos estaban pechados entre catro paredes sen poder saír, non había colexio, perderan as rutinas e os adultos das súas familias tiñan preocupacións non só sanitarias, tamén polo futuro e a economía. A incerteza estaba no ambiente e as familias precisaban axudar aos fillos a sobrelevar unha situación inédita. Saimos do confinamento, pero seguimos en risco e con necesidade de explicarlle aos pequenos que disto só se sae xuntos e colaborando. Diso vai ‘Contaxio’, de vencer medos unidos, de colaborar e saír adiante, sabendo que hai eivas, pero buscando solucións.” afirma María Solar, escritora e xornalista.
‘Contaxio’ promove a adquisición de actitudes como o interese por apoiar e axudar a outros en momentos difíciles e a preocupación polos sentimentos dos demais. Ademais, impulsa o desenvolvemento de actitudes e valores que constrúen democracia e cidadanía.
A primeira versión de ‘Contaxio’ viu a luz en formato audiovisual en xuño do 2020. “Durante aqueles meses da primavera do 2020 que nunca esqueceremos eu tiña claro que, como amiga de UNICEF Comité Galicia, precisaba aportar algo e xurdiu a idea de crear un conto para regalarllo a todos os nenos e nenas de Galicia, que nese momento levaban xa varias semanas de illamento, lonxe das escolas e dos amigos.” trasladou Lucía Regueiro, amiga de UNICEF Comité Galicia.
Actores e actrices de renome sumáronse á iniciativa: Xúlio Abonjo, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Federico Pérez, Beatriz Serén e María Vázquez.
“A todos os que fixeron posible este auténtico contaxio de amor, e a todos os que o estades a ler ou a ver en vídeo, GRAZAS de todo corazón.” engadiu a actriz.