Cumio da Nena: acelerar a erradicación da mutilación xenital feminina e o matrimonio infantil

O Goberno do Reino Unido e UNICEF acollen hoxe o primeiro Cumio da Nena, co obxectivo de lograr o apoio necesario para erradicar con rapidez a mutilación xenital feminina e o matrimonio infantil, dúas prácticas que afectan a millóns de nenas en todo o mundo.

Malia que nas últimas tres décadas se produciu unha leve diminución da prevalencia desas prácticas, soamente para compensar os efectos do crecemento da poboación, nos países onde esas prácticas son máis frecuentes será necesario acelerar notablemente o traballo para a erradicación.

"A mutilación xenital feminina e o matrimonio infantil prexudican ás nenas de xeito profundo e permanente, e prívanos do seu dereito a tomar as súas propias decisións e a desenvolver plenamente o seu potencial. Trátase de prácticas que van en detrimento das nenas, das súas familias e das súas sociedades," afirmou Anthony Lake,director executivo de UNICEF.

"As nenas non son propiedade de ninguén. Teñen dereito a decidir o seu propio destino. E cando poden facelo, beneficiámonos todos".
 

a mutilación xenital feminina hoxe

  • Máis de 130 millóns de nenas e mulleres sufriron algunha forma de mutilación xenital feminina nos 29 países de África e Oriente Medio nos que esas prácticas prexudiciais son máis comúns. Ademais da profunda dor física e psicolóxica que sofren, as nenas ás que se somete a mutilación xenital feminina corren perigo de hemorraxias prolongadas, infeccións, infecundidade e morte.

  • O matrimonio infantil é aínda máis común que a mutilación xenital feminina e pode ser causa de desvantaxes e privacións de por vida. A nivel mundial, máis de 700 millóns de mulleres casáronse cando eran nenas. Delas, máis dunha de cada tres (uns 250 millóns de mulleres) casáronse antes de cumprir 15 anos. As nenas que se casan antes dos 18 anos teñen máis probabilidades de abandonar os seus estudos e ser obxecto de violencia doméstica. As adolescentes máis novas corren maior perigo de morte debido ás complicacións do embarazo e o parto que as maiores de 20 anos, e os seus fillos teñen máis probabilidades de nacer mortos ou de falecer durante o seu primeiro mes de vida.

  • Como media, unha adolescente actual ten unha terceira parte menos de probabilidades de sufrir mutilación ou ablación xenital que hai 30 anos. En Kenya e Tanzania, as taxas desas prácticas reducíronse a unha terceira parte dos niveis de hai tres décadas. Iso logrouse mediante unha combinación de mobilización comunitaria e aprobación e aplicación de normas xudiciais. Na República Centroafricana, Iraq, Liberia e Nixeria, a prevalencia reduciuse á metade. Tamén se está a producir un cambio de actitudes, xa que os datos recentes indican que a maior parte da poboación dos países onde se practica a mutilación xenital feminina cre que esta debería desaparecer. A pesar del, e debido á intensa presión social, a maioría desas persoas continúa obrigando as súas fillas a someterse a esas intervencións.

  • Non obstante, de non se producir accións máis intensas e sostidas por parte de todos os compoñentes da sociedade, centos de millóns de nenas seguirán sufrindo danos profundos, permanentes e absolutamente innecesarios.

700 MILLóNS DE NenAS OBrIGADAS A CASAR

  • De manterse as mesmas taxas de diminución desas prácticas perigosas, o mero crecemento demográfico determinará que o número de mulleres casadas na infancia (máis de 700 millóns) se manterá ao mesmo nivel ata 2050, e que o número de nenas sometidas a mutilación/ablación aumentará en 63 millóns nese mesmo lapso.

 

  • Se lográsemos duplicar a taxa de redución, poderiamos lograr que o número de mulleres que se casaron sendo nenas diminuíse a 570 millóns para 2030 e a 450 millóns para 2050. O número de nenas e mulleres afectadas pola mutilación e ablación xenital feminina (máis de 130 millóns) manteríase aproximadamente nos niveis actuais.


"Os datos estatísticos indícannos que debemos redobrar os nosos esforzos. Non esquezamos que esas cifras representan vidas reais. Malia que se trata de problemas de magnitude mundial, as solucións deben ter carácter local, e as comunidades, as familias e as propias nenas deben impulsar as respostas co fin de modificar as actitudes e interromper os ciclos que perpetúan a mutilación e ablación xenital feminina e o matrimonio infantil", sinalou Lake.


"Non podemos deixar que estas estatísticas nos humillen, senón que deben servir para impulsarnos á acción".