Ébola en África: os novos casos en Malí aumentan a alerta
Ante os novos casos de ébola en África, concretamente en Malí e Serra Leoa, dende UNICEF estamos a incrementar os nosos esforzos para axudar a outros países en risco de África occidental fronte a potenciais brotes.
Fai un donativo para frear o ébola.
"Os novos casos en Malí recórdannos que non existe ningún país na rexión que sexa inmune ao ébola", explica Manuel Fontaine, director rexional de UNICEF para África occidental e central.
"Non podemos esperar que se dean novos casos en países en risco para poñernos en acción. Debemos axudar ás comunidades a prepararse hoxe fronte a posibles casos, cando e onde acontezan," sinala.
13 países concentran o maior risco de ébola en África
Nos últimos meses, dende UNICEF traballamos con todos os países de África occidental e central para revisar a súa planificación de prevención e preparación. Nos 13 países con maior risco, os esforzos centráronse en disipar os rumores, compartir información vital e proporcionar subministracións como colchóns, xabón, xel desinfectante, lixivia, cubos termómetros láser luvas kits contra a diarrea, xiringas, lonas e tendas.
- En Malí, un centro de tratamento do ébola está xa operativo na capital, Bamako, mentres outras instalacións sanitarias, especialmente nas zonas fronteirizas, foron dotadas de servizos adicionais de auga, saneamento e hixiene. En Bamako, equipáronse 77 estacións de autobús con material para o lavado de mans.
- En Costa de Marfil, que comparte fronteira con Guinea, Liberia e Malí, estanse a levar a cabo campañas de información masiva ao mesmo tempo que traballadores sanitarios comunitarios están a ir porta a porta promovendo comportamentos saudables. Dende UNICEF traballamos con líderes comunitarios e relixiosos, e organizamos sesións informativas sobre boas prácticas hixiénicas en máis de 1.000 colexios nas rexións fronteirizas.
- En Guinea-Bissau, aproximadamente 10.000 traballadores sanitarios comunitarios, profesores e líderes de opinión recibirán formación e información relacionada co ébola.
- En Benin, 50 emisoras de radio locais están a emitir mensaxes educativas sobre o ébola nas 8 principais linguas e púxose en marcha unha campaña de participación comunitaria a través dunha rede de máis de 2.000 promotores de saúde.
Fai un donativo para frear o ébola.