Festival Solidario Sorrisos para Ucraína
Festival Solidario Sorrisos para Ucraína
Promovido por Afundación, e coa colaboración do Pallaso Popín e a Fundación Mayeusis, terá lugar o vindeiro 5 de xuño no Teatro Afundación de Vigo.
20/05/2022
Co obxectivo de que UNICEF poida continuar dando resposta ás urxentes necesidades de nenos, nenas e as súas familias no ámbito da saúde, nutrición, protección e educación, Afundación, coa colaboración do Pallaso Popín e a Fundación Mayeusis, promove o Festival Solidario Sorrisos para Ucraína a prol de UNICEF.
Artistas, músicos, bailaríns, cómicos, magos e pallasos únense de forma totalmente desinteresada para ofrecer, o domingo 5 de xuño no Teatro Afundación de Vigo, os seus mellores espectáculos cheos de humor, maxia e cor.
O festival Sorrisos para Ucraína consta de dúas funcións. A primeira, ás 12h, dirixida ao público infantil e familiar, na que gozaremos de Pallaso Popín, o Conservatorio Mayeusis, Barafunda Animación, Troula Animación, Mago Rey Midas, Voltereta e Volvoreta, Ronny Macarroni, Mago Marco, Jessy Bolbolúa, Pinky e Unidance Escuela de Baile.
A segunda función, dirixida a un público adulto, terá lugar o mesmo domingo, 5 de xuño, ás 19:30h. Presentado por Beatriz Serén, e coa colaboración de Sergio Pazos, poderemos rir co humor de Antón Reixa, Arantxa Treus, Carlos Veleiro, Gossip Bufón e gozar da música de Juanjo Cura e das artistas ucraínas Marta Bachek – pianista -, Mariam Nasaridze – Mezzosoprano e Iryna Morozova - violonchelista.
“Dous meses despois do estalido da guerra, o impacto na situación dos 7,5 millóns de nenos ucraínos é cada día máis desesperada. A guerra e os desprazamentos masivos estragaron os medios de vida das familias e as súas oportunidades económicas. Os nenos e as súas familias necesitan urxentemente seguridade, estabilidade, acceso aos servizos de saúde, educación e protección”, afirmou Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia.
“Queremos agradecer a implicación de Afundación, Pallaso Popín, Fundación Mayeusis e todos os que forman parte deste festival solidario, un espectáculo sen igual no que o 100% da recadación e a fila 0 destinarase a UNICEF para a emerxencia de Ucraína”, rematou Marín.
As entradas están dispoñibles en ataquilla.com