Nenos e nenas propoñen: comercio local, enerxías renovables e empresas menos contaminantes 

35 nenos, nenas e adolescentes de 9 Concellos de Galicia reuníronse esta fin de semana no II Encontro Autonómico de Consellos de Participación Infantil e Adolescente.

#AVozdaInfanciaGalega reclama a implicación das autoridades e apela á conciencia social e individual para loitar contra o cambio climático  

Los niños proponen: comercio local, energías renovables y empresas menos contaminantes 

 

25/10/2021
 

Un total de 35 nenos, nenas e adolescentes de entre 9 e 16 anos, integrantes de 9 consellos locais de participación de Galicia, reuníronse esta fin de semana de maneira telemática no II Encontro Autonómico de Consellos de Participación Infantil e Adolescente, promovido por UNICEF Comité Galicia.

Nenas, nenos e adolescentes de Teo, Ponteareas, O Porriño, Moeche, Nigrán, Tomiño, Moaña, Redondela e Castrelo de Miño reflexionaron, a través da análise da realidade e o debate, e desde unha perspectiva local e autonómica, sobre medio ambiente e cambio climático.

Durante os dous días de encontro, e tendo como referencia global os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030, debateron sobre cambio climático e as súas consecuencias a nivel autonómico, analizando aspectos importantes de sustentabilidade como o uso de enerxías limpas: “Debemos fomentar o uso de enerxías renovables, pero asegurándonos de que non producen estragos na súa contorna, como está a pasar cos eólicos” afirma o grupo de Cambio Climático. “Ademais as autoridades deben sancionar as empresas máis contaminantes” conclúen. 

Fomentar o comercio de proximidade, reducindo os seus impostos para que sexan máis competitivos, prohibir o uso de plásticos e embalaxes excesivos, promover a reciclaxe, aumentar o investimento nas políticas ambientais, coidar a flora e a fauna autóctona de Galicia, eliminando especies como o eucalipto ou potenciar a limpeza dos montes para previr a propagación de incendios, foron algunhas das propostas que máis se repetiron nos grupos de traballo. 

Froito desta reflexión, non só formularon propostas e peticións para trasladar ás administracións públicas, senón que tamén fixaron os compromisos que como nenos, nenas e adolescentes poden asumir, apelando non só á conciencia individual, senón á conciencia social en torno ao coidado do medio ambiente.

“Os nenos e nenas debemos dar exemplo, respectando as 3R (reciclar, reutilizar e reducir), sabendo que reciclar non é só separar o lixo, se non tamén consumir menos e concienciar aos adultos para que sexan conscientes de que so entre todos poderemos loitar contra o cambio climático e coidar do medio ambiente” Zeltia, 12 anos, desde Moeche.

Todo o traballo realizado durante o encontro culminou coa sesión de conclusións na que leron un manifesto no que recollen as súas ideas, propostas e compromisos. Este documento terá un longo percorrido durante os próximos meses. Por unha banda, será unha ferramenta para que desde UNICEF Comité Galicia traslademos a voz da infancia aos actores políticos – Parlamento de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Consellería de Política Social -, co fin de que as propostas dos nenos e nenas sexan tidas en conta no deseño de políticas e programas de sustentabilidade e medio ambiente.

Así mesmo, os representantes de cada consello de participación serán os encargados de facer chegar esta mensaxe aos responsables políticos das súas localidades, aproveitando a celebración, o próximo 20 de novembro, do Día Mundial da Infancia.

Este encontro foi organizado por UNICEF Comité Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia, no marco do convenio asinado pola Consellería de Política Social e UNICEF en 2018 para promover a participación infantil e a iniciativa Ciudades Amigas da Infancia en Galicia.