Nenos, nenas e adolescentes galegos trasladan as súas prioridades á Consellería de Política Social

Nun encontro dos Consellos de Participación Infantil e Adolescente co Director Xeral de Familia e Infancia da Xunta de Galicia. 

Encuentro consejos participación infantil con Director Familia e Infancia Xunta Galicia
06/05/2021

Os Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente son moi activos en Galicia. Traballan para mellorar todas aquelas cuestións que afectan directamente aos nenos e mozos, situacións tan relevantes como o impacto que ten para eles a pandemia, como afecta á súa saúde mental, a fenda dixital, ou o cambio climático.

Dezaseis mozos e mozas que forman parte dos consellos locais de 8 municipios galegos (Teo, Cabanas, Moeche, Redondela, Tomiño, Porriño, Moaña e Castrelo de Miño) puideron contar as súas prioridades ao Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Jacobo Rey Sastre. 

Nestes grupos os mozos fan realidade o seu dereito á participación, reflexionan conxuntamente, sempre desde a responsabilidade e tendo en conta a inclusión e a protección da infancia e a adolescencia. Nesta ocasión, puideron explicar a Rey Sastre como funcionan os seus grupos locais e a importancia de poñer en marcha un Consello Autonómico de Participación Infantil e Adolescente. 

Importancia que tamén resaltou a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, que nos lembrou que a participación é un principio reitor da Convención sobre os Dereitos do Neno e que como adultos debemos xerar os espazos adecuados de escoita, reflexión e toma de decisións para facela posible.

“É importante que sexamos escoitados a nivel autonómico. Se estamos máis unidos os consellos locais dos distintos municipios, obteremos mellores resultados” afirmou Irene de Teo. 

Pola súa banda, o Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica comprometeuse a poñer en marcha este Consello Autonómico, que considera este espazo moi útil como unha vía de comunicación directa coa Xunta e entre os consellos de participación locais xa existentes.

Durante a reunión, Kiara, do Consello de Porriño, falounos das dificultades que tivieron os mozos durante o confinamento, como lles afectou á súa saúde mental o non poder saír nin pasar tempo coa familia e os amigos. Zeltia, de Moeche, profundou nos problemas para continuar coas clases desde a contorna rural, sen internet e en ocasións sen ordenadores.

O cambio climático tamén preocupa a estes mozos e mozas. “Temos que coidar o planeta que o estamos destruíndo” comentou Bruno de Redondela. E desde Cabanas contaron a súa iniciativa para a redución de bolsas de plástico.