“O cambio climático está a suceder agora. Queremos xustiza climática e querémola xa”

Nenos e nenas de 10 consellos locais de participación trasladaron ás autoridades as súas propostas sobre cambio climático no IX Foro de Participación Infantil no Parlamento de Galicia. 

Foro de participación infantil en Galicia.
17/11/2021
 

Nenos, nenas e adolescentes representantes de 10 consellos locais de participación de concellos galegos ocuparon os escanos do Parlamento de Galicia durante o IX Foro de Participación Infantil co obxectivo de trasladar ás autoridades as súas reflexións e propostas sobre o coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.

Estas propostas, que se recollen no Manifesto pola nosa terra, son as conclusións alcanzadas polos 35 participantes no II Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente, celebrado os pasados 22 e 23 de outubro e que trasladaron hoxe ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; ao Director  Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, a María del Mar Ferreiro, Subdirectora  Xeral de Coordinación Ambiental e á presidenta de UNICEF Comité Galicia,  Myriam  Garabito, así como aos deputados e deputadas do Parlamento galego presentes no hemiciclo.
Ao longo do foro lanzaron reflexións sobre o cambio climático, pero tamén peticións de acción ao goberno e compromisos que deben adquirir non só os nenos, nenas e adolescentes, senón tamén a poboación adulta, para contribuír ao coidado do medio ambiente. 

“Non se está a facer nada para loitar contra o cambio climático. Os rapaces temos que opinar, temos moito que aportar. Pedimos ás autoridades máis acción e menos palabras, queremos xustiza climática e querémola xa.” Carla 13 aos, do consello local de participación infantil e adolescente de O Porriño.
A sobre explotación dos montes coa plantación de especies como o Eucalipto, o problema dos incendios ou o uso de enerxías non limpas e as súas consecuencias a curto e longo prazo, foron algúns dos temas sobre as que fixeron máis fincapé. 

“O cambio climático, o abandono do rural, a tala de árbores, a plantación de especies invasoras, e outras moitas actitudes irresponsables do ser humano provocan desastres como o incendio que tivo lugar no Val Miñor en outubro de 2017, incendios que poñen en perigo a moitas especies, animais e vexetais e que afectan gravemente aos nosos pulmóns: aos nosos bosques..” Cayetana, 10 anos, do Concello de Nigrán. 
Reconducir os hábitos de consumo, pensando máis no comercio local e os produtos de proximidade; fomentar as 3  R: Reciclar, Reducir e Reutilizar; acabar co uso de plásticos e as embalaxes excesivas ou un maior control da contaminación desde o ámbito empresarial, son algunhas das súas propostas a nivel autonómico. 

“Actuar xa é urxente, pero para iso é preciso que todas as persoas entendamos a grave situación na que nos atopamos. Mentres isto non sexa así, seguiremos malgastando a enerxía, seguiremos xerando lixo e residuos contaminantes como se non houbese consecuencias e seguiremos emitindo CO2 á atmosfera sen inmutarnos. Pedimos que as persoas adultas e sobre todo, as que estades no poder, tomedes este tema máis en serio.” Destacou Carla, do Consello de Participación de Redondela. 
Para pechar as intervencións, Beatriz, representante do Consello de Participación de Teo, pediu o compromiso de todas as autoridades presentes para loitar contra o cambio climático e que este compromiso non deixe atrás aos nenos, nenas e adolescentes: “Queremos que non deixedes as nosas peticións na mesa. Collédeas e metédeas na carteira, pensádeas, e agora si, pedímosvos que actuedes. Porque estamos ante un problema que necesita ser solucionado, e a xente confiou en vós para iso”.

Unha vez terminadas as intervencións dos participantes,  Myriam  Garabito fixo fincapé na necesidade de situar as necesidades da infancia e da adolescencia no centro das políticas de loita contra o cambio climático, tendo ademais en conta as súas propostas e opinións “O cambio climático é o principal desafío para a poboación mundial, especialmente para as nenas, nenos e adolescentes polo seu nivel de desenvolvemento e necesidades de benestar e protección. España é un dos países europeos máis vulnerables ao cambio climático. Urxe establecer mecanismos, políticas e ferramentas de adaptación autonómica e local, o que esixe unha planificación participativa e inclusiva por parte de todos os actores da sociedade, entre os que se inclúe a infancia e a adolescencia”, lembrou a presidenta de UNICEF Comité Galicia.