Previmos e mitigamos os impactos da COVID-19 en Bolivia coa Xunta de Galicia

Esta colaboración, enmarcada no Mecanismo COVAX, permitirá mellorar o acceso da poboación aos servizos de vacinación.

Mejoramos el acceso a la vacunación en Bolivia.
13/08/2021
 

A Xunta de Galicia únese a UNICEF no marco do Mecanismo COVAX co obxectivo de promover un acceso rápido, xusto e equitativo ás vacinas contra a COVID-19 en Bolivia.

Desde o inicio da emerxencia sanitaria, UNICEF traballou en coordinación co Ministerio de Saúde do Estado Plurinacional de Bolivia apoiando a continuidade dos servizos de saúde. A saturación dos establecementos sanitaritos e as limitacións do sistema de saúde en canto a equipamento, infraestrutura e de recursos humanos, está a ter repercusións negativas non só na atención dos doentes con COVID-19, senón tamén na vacinación da poboación en xeral e da infancia en particular.

"Para derrotar a pandemia é imprescindible levar a cabo un esforzo de vacinación masiva en todo o mundo. Unha vez que as vacinas chegan ao país, necesítanse sistemas locais de refrixeración que aseguren a súa correcta almacenaxe e, por suposto, a súa distribución, especialmente nos lugares máis afastados. Por outro lado, fanse necesarias campañas de vacinación implementadas co apoio de brigadistas que, ademais de administrar a vacina contra a COVID-19, poidan administrar as vacinas rutinarias a nenos menores de cinco anos e á súa vez informar e sensibilizar á poboación sobre as medidas de precaución da COVID-19", sinala Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia.

Bolivia, do mesmo xeito que outros países da rexión e do mundo, necesita vacinar á súa poboación para reducir a incidencia de casos positivos, pero sobre todo para limitar a presentación de casos graves de COVID-19 que requiren atención especializada en Unidades de Terapia Intensiva e así poder reducir a morbilidade e mortalidade que está afectando ao país.

As accións propostas estarán dirixidas a mellorar o acceso á vacinación de poboacións de áreas periurbanas e rurais de difícil acceso dos Departamentos de La Paz, Cochabamba e Pando. Co apoio da Xunta de Galicia estímase alcanzar a 243.810 adultos coa vacina da COVID-19 e a 20.088 nenos e nenas menores de 5 anos coa vacina anti-xarampón e a anti poliomielítica, ademais de comunicar e sensibilizar sobre a importancia da vacinación en 15 Redes de Saúde de ditos Departamentos e a través do sector privado.

"A medida que avanza a pandemia, o virus muta e produce novas variantes que poderían potencialmente ameazar aos vacinados e non vacinados por igual. Estamos nunha carreira feroz contra o avance do virus. Chegar con doses de vacinas a todas as zonas urbanas e rurais de Bolivia, e do resto do mundo, é a política máis intelixente para os mellores intereses colectivos", conclúe Garabito.