Proporcionamos atención médica e nutricional á infancia en Ucraína
Proporcionamos atención médica e nutricional á infancia en Ucraína
Co apoio da Xunta de Galicia, nenos, nenas e mulleres embarazadas e lactantes reciben suplementos nutricionais e medicamentos esenciais.
© UNICEF/UN0625320/Klochko
16/12/2022
A Xunta de Galicia, no marco do convenio asinado con UNICEF o pasado xaneiro para salvar e protexer á infancia en situacións de emerxencia e crises humanitarias, está a colaborar con UNICEF en Ucraína para garantir a atención médica e nutricional nos centros de saúde, hospitais e outros lugares de refuxio.
Máis de 27 millóns de persoas necesitan axuda humanitaria en Ucraína. Uns 6,5 millóns de persoas están desprazadas internamente, a maioría mulleres e nenos, tratando de atopar seguridade en todo o país. Aínda que uns 6,5 millóns de persoas regresaron aos seus fogares, e o número total de persoas desarraigadas pola guerra diminuíu gradualmente desde maio, a vulnerabilidade das familias desprazadas segue sendo alta: case a metade (o 46%) teñen nenos e nenas de 5 a 17 anos.
Produciuse unha destrución masiva das infraestruturas civís, o que interrompeu o acceso aos servizos críticos, especialmente a auga e a atención sanitaria. Calcúlase que 14,6 millóns de persoas necesitan axuda sanitaria, cuxo acceso segue véndose gravemente afectado pola inseguridade, a mobilidade restrinxida, a ruptura das cadeas de subministración e os desprazamentos masivos. A saúde infantil e materna viuse tamén gravemente afectada. Moitos centros de saúde necesitan subministracións e material cirúrxico, ademais de auga, electricidade e calefacción. É probable que o acceso ás vacinas esenciais deteriórese aínda máis, exacerbando os trastornos causados pola pandemia de COVID-19.
UNICEF continua distribuíndo produtos esenciais
Co apoio da Xunta de Galicia, UNICEF difundirá mensaxes de nutrición para as familias e comprará e distribuirá kits de emerxencias, con subministracións sanitarias necesarias para responder as prioridades inmediatas dos desprazados internos en nove distritos, e kits de primeiros auxilios, deseñados para tratar unha variedade de lesións e doenzas menores, como vendaxes para feridas ou infeccións oculares.
Co obxectivo de axudar a manter o acceso á atención sanitaria básica, fornecerase ademais un kit de partos que contén o equipo médico e os medicamentos principais para realizar 100 partos, incluídos 50 partos con dificultades.
Por último, a colaboración contempla a adquisición de subministracións nutricionais, como galletas de alto contido enerxético e suplementos de micronutrientes para os nenos e nenas, así como para as nais embarazadas e lactantes. Para previr a anemia e fortalecer a capacidade de aprendizaxe, o desenvolvemento motor e o sistema inmunológico, este proxecto inclúe ferro e ácido fólico para nais e mulleres en período de lactación.