Proporcionamos subministracións de emerxencia ás familias desprazadas no Líbano
Familias desprazadas en Líbano © UNICEF/UNI684150/Choufany
19/12/2024
Co apoio da Xunta de Galicia, distribuímos subministracións para satisfacer as necesidades urxentes en materia de nutrición, auga, saneamento e hixiene.
Antes da aplicación do cesamento do fogo o 27 de novembro entre o Líbano e Israel, as semanas estiveron marcadas por un agravamento das hostilidades en todo o país. Máis de tres nenos morreron cada día nos últimos dous meses.
O grave impacto psicolóxico e os signos alarmantes de desorde emocional fixéronse cada vez máis evidentes entre a poboación infantil.
O acordo de cesamento do fogo provocou un movemento masivo de persoas que regresan aos seus fogares, a zonas onde a infraestrutura resultou danada durante o conflito e que están posiblemente contaminadas con municións sen detonar. Os informes iniciais indicaban unha redución do 80% no número de desprazados internos nos refuxios para finais de novembro, pero as necesidades seguen sendo perentorias.
Acción de UNICEF
Desde UNICEF adaptamos a resposta a esta emerxencia para centrarnos nas necesidades urxentes dos desprazados internos en lugares de tránsito, á vez que abordamos as vulnerabilidades preexistentes, co fin de mitigar as tensións sociais relacionadas co desprazamento secundario a curto e longo prazo.
Ampliamos a nosa presenza sobre o terreo, o que inclúe a rápida mobilización de capacidades nos focos de desprazamento e a ampliación das asociacións con actores capaces de chegar a zonas de alto risco.
Ampliamos tamén os programas preexistentes a través de escolas públicas e privadas, centros comunitarios de servizos múltiples, centros de servizos especializados en protección infantil, apoio operativo aos establecementos de auga e plantas de tratamento de augas residuais, centros de atención primaria de saúde e hospitais en todo o país, para apoiar así aos desprazados internos que viven nas comunidades de acollida.
Colaboración da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia, no marco do convenio asinado con UNICEF España o pasado 15 de xullo para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes e crises humanitarias, está a colaborar con UNICEF Comité Galicia para previr enfermidades transmisibles pola auga e cubrir as necesidades básicas de hixiene e nutrición de nenas, nenos e familias desprazadas no Líbano.
No marco da colaboración, desde UNICEF distribuiremos insumos para o mantemento de auga potable e para uso doméstico con medidas de racionamento, asegurando un mínimo de 22 litros de auga por persoa e día; kits de auga potable, saneamento e hixiene de emerxencia, con artigos esenciais para axudar ás familias desprazadas a facer fronte aos retos inmediatos de hixiene e protección durante o período inicial do desprazamento; e subministracións esenciais de nutrición e hixiene para as familias e bebés. Entre estes últimos atópanse insumos para o tratamento da desnutrición, incluíndo alimentación terapéutica, pequenos tarros de alimentación complementaria para bebés e kits para garantir o benestar, a hixiene e a protección de recentemente nados e lactantes, que inclúen cueiros, roupa interior de bebé, pixamas, deterxente e xabón.
“A destrución de fogares, hospitais e infraestruturas civís deixou a moitos nenos e nenas sen acceso a atención sanitaria e servizos básicos. Restablecer os servizos vitais é fundamental para garantir que poidan recuperarse e continuar co seu desenvolvemento”, afirma Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité de Galicia.
Este cesamento do fogo é unha oportunidade non só para poñer fin á violencia, senón tamén para trazar un camiño que priorice a seguridade e o benestar dos nenos, das nenas e das súas familias. UNICEF pide a todas as partes en conflito que manteñan os seus compromisos, respecten o dereito internacional e traballen coa comunidade internacional para manter a paz e garantir un futuro mellor para a infancia.
“Os nenos e nenas merecen estabilidade, esperanza e a oportunidade de reconstruír o seu futuro. Seguiremos xunto a eles en todo momento”., conclúe Marín.