Reforzamos o sistema de protección infantil en Uganda

Pais que asisten a unha sesión estruturada de crianza na escola primaria Kanigiro no subcondado de Bugambe no distrito de Kikuube.

16/12/2024

Co apoio da Xunta de Galicia, fortalecemos a prevención, a protección e a xestión de casos contra as prácticas nocivas, a violencia de xénero e a trata infantil.

A subrexión de Karamoja, no nordés de Uganda, está clasificada como unha das zonas máis pobres do mundo, xa que o 65,7% dos seus 1,2 millóns de habitantes vive en pobreza de ingresos, mentres que o 84,9% vive en situación de pobreza multidimensional, o que a converte na rexión menos desenvolvida social e economicamente do país.  

Ao longo dos anos, a rexión afrontou altos índices de pobreza, ciclos de conflito e inestabilidade, inseguridade alimentaria e desnutrición, o que se traduciu na perda de vidas e medios de subsistencia, así como nun crecemento e desenvolvemento deficientes dos nenos e as nenas, que se ven, á súa vez, expostos a numerosos problemas de protección. 

A pesar de varias iniciativas de desenvolvemento do Goberno ugandés e os socios para o desenvolvemento, o tráfico de nenos e nenas prevalece como resultado da pobreza, a ignorancia das familias e a ausencia ou o desmoronamento das institucións sociais nas comunidades. Ademais, aumentou a preocupación polo número de nenos e nenas vítimas de trata que saen de Karamoja e acaban nas rúas de Kampala e outros centros urbanos dentro e fóra de Uganda.

Estímase que máis dunha quinta parte (20,9%) da infancia de Napak, o distrito máis pobre da subrexión ugandesa de Karamoja, está en alto risco de ser vítima de explotación sexual comercial infantil. Outro reto importante ao que se enfronta a rexión é a protección das mulleres e as nenas contra a violencia de xénero.

Colaboración da Xunta de Galicia

No marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, desde UNICEF Comité Galicia unímonos á Xunta de Galicia para reforzar o sistema de prevención, protección e xestión de casos fronte ás prácticas nocivas, a violencia de xénero e trata infantil.

Reforzo do sistema de protección

A intervención de UNICEF centrarase en fortalecer o sistema de protección da infancia a nivel de distrito. Para iso, apoiaremos o goberno local na aplicación de políticas de infancia, así como na planificación, prevención e resposta a trata infantil, incluída a explotación sexual. 

Reforzaremos a capacidade dos traballadores de primeira liña e das comunidades, incluídos os nenos e as nenas, para previr e mitigar trata e difundiremos un manual de formación para familias do Ministerio de Xénero, Traballo e Desenvolvemento Social do Goberno de Uganda que ten como obxectivo mellorar a crianza, a identificación, a prevención e a resposta á violencia, as prácticas nocivas, a violencia de xénero e trata.

Formación para adolescentes e persoal técnico

Grupos de adolescentes recibirán formación en habilidades para a vida e capacitarase ao persoal técnico clave na mitigación do risco de violencia de xénero e a prevención da explotación e o abuso sexual.  

Para garantir a prestación integral de servizos, tanto de prevención como de resposta, os nenos, nenas e adolescentes sobreviventes de trata e as súas familias terán acceso a servizos multisectoriais de xestión de casos de protección infantil de calidade.

Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A nosa intervención, aliñada co V Plan director da cooperación galega 2023-2026, así como coa Estratexia de Acción Humanitaria da Cooperación Española 2019-2026, enmárcase no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade do Goberno de España. 

Así mesmo, fará unha especial incidencia nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, en particular, no ODS 5 e de forma específica sobre a súa meta 5.2, que insta os Estados a eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas nos ámbitos público e privado, incluíndo a trata e a explotación sexual e outros tipos de explotación.