Respondemos á violencia de xénero en Uganda coa Xunta de Galicia
Respondemos á violencia de xénero en Uganda coa Xunta de Galicia
Enmarcado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdad, o proxecto proporciona servizos integrados de protección fronte á violencia de xénero na poboación refuxiada en Uganda.
08/09/2022
No marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdad, UNICEF Comité Galicia e a Xunta de Galicia uníronse, por terceiro ano consecutivo, co obxectivo de fortalecer a contorna de protección para as nenas e os nenos en Uganda. A intervención centrarase no asentamento de refuxiados de Bidibidi, o máis grande do país, que alberga a 240.809 refuxiados, dos cales o 62% son nenos e nenas expostos a unha ampla variedade de riscos de protección.
“A pandemia da COVID-19 e as medidas de contención relacionadas, como o peche das escolas, aumentaron riscos como a violencia sexual, os embarazos adolescentes, a violación e o matrimonio infantil e forzado. A perda de ingresos dos fogares e as conseguintes consecuencias para as nenas, como o traballo infantil e o aumento da violencia sexual e de xénero, agravaron a xa fráxil situación das nenas en Uganda”, destacou a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito.
Servizos de protección específicos
Neste contexto, os nenos vulnerables, e especialmente as nenas, continúan necesitando servizos de protección específicos, centrados tanto na prevención de riscos como na resposta aos casos identificados.
Co apoio da Xunta de Galicia, UNICEF centrará o seu traballo en:
- Brindar apoio técnico e financeiro aos Gobernos Locais.
- Fortalecer a capacidade das estruturas comunitarias, a policía, o persoal e as familias en materia de prevención e resposta á violencia contra as nenas e os nenos.
- Proporcionar servizos individuais de xestión de casos de protección infantil en resposta a diferentes formas de violencia.
- Ofrecer actividades de sensibilización trimestrais nas que participen nenas, nenos, nais, pais e líderes da comunidade para darlles a coñecer os diferentes problemas de protección da infancia, con especial fincapé na violencia de xénero contra as nenas e os nenos.
O proxecto alíñase cos obxectivos de traballo e a medida 37 do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade do Goberno de España, para instar a que os recursos dedicados á cooperación internacional para refuxiados e refuxiadas inclúan medidas específicas para a prevención da violencia machista contra as mulleres e menores de idade, tanto en tránsito como en destino.
Así mesmo, con esta intervención estarase a contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, especialmente o ODS 5, xa que ten en conta a situación específica das nenas, a súa especial vulnerabilidade e riscos, e toma medidas específicas para atender ás nenas sobreviventes de violencia de xénero.