UNICEF e a CRTVG únense na XI Semana coa Infancia

A TVG e a Radio Galega emitirán, desde o luns 15 ata o domingo 21, contidos especiais relacionados coa saúde física e mental, os riscos e oportunidades do impacto da tecnoloxía na adolescencia e a participación infantil. 

XI Semana con la Infancia de UNICEF y la CRTVG
16/11/2021

A CRTVG, no marco da súa Responsabilidade Social Corporativa, pon en marcha, da man de UNICEF, a XI Semana coa Infancia, unha iniciativa solidaria que, desde este luns e ata o domingo 21 de novembro estará centrada en tres eixos fundamentais. 

A sensibilización sobre a solución máis eficaz, sinxela e económica para a supervivencia e a prevención de brotes de enfermidades perigosas, a vacinación, e a importancia de coidar e protexer a saúde mental e o benestar emocional de nenos, nenas e adolescentes; a análise sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia, as súas relacións, oportunidades e riscos, e como construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa para promover que o exercicio dos dereitos da infancia sexan unha realidade; a promoción do dereito á participación real e efectiva que sitúe ás voces, necesidades e prioridades da infancia e adolescencia en primeira liña da axenda política local e autonómica.

Ao longo de toda a semana, os programas informativos da TVG e da Radio Galega ‘Telexornal Mediodía’, ‘Telexornal Serán’, ‘Bos días’, ‘A Revista’, ‘Galicia por diante’, ‘A Bóla Extra’, ‘A Tarde’, ‘A Crónica’, ou o espazo ‘Dígocho eu’ colaborarán emitindo entrevistas e reportaxes relacionados co dereito á saúde – física e mental – facendo especial fincapé na vacinación de rutina, pero tamén nas vacinas contra a COVID19; o dereito a unha contorna dixital segura, na que a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso deben ser unha prioridade; e o dereito á participación, escoitando e tomando boa nota de todas as propostas que a rapazada lanzará no Parlamento de Galicia para loitar contra o cambio climático. 

‘Bos días’, ‘Telexornal Mediodía’, ‘Telexornal Serán’, ‘Convivir’, ‘A Tarde’, ‘Galicia por Diante fin de semana’ e ‘Galicia en Goles’ tratarán, ademais, outros contidos como a celebración, o 20 de novembro, do Día Mundial do Neno, a axuda humanitaria que dende Galicia desenvolvemos en Siria, Venezuela, Uganda ou Haití, a necesaria protección e integración dos nenos e nenas migrantes non acompañados ou o deporte para o desenvolvemento como instrumento para mellorar as vidas de nenos, nenas, das súas familias e comunidades.

Do mesmo xeito, os programas de entretemento ‘Quen Anda Aí’ e ‘Sabadeando’ involucraranse na campaña convidando a personalidades públicas como Miguel Canalejo, Beatriz Serén e Lucía Regueiro e divulgadores como Manuel Viso, implicados de forma continuada cos dereitos da infancia. ‘Fun polo Aire’ acercarase a coñecer como melloran a súa contorna os rapaces de Moeche. O espazo de humor ‘Malicia Noticias’ sorprenderanos con algún sketchs e, un ano máis, ‘Luar’ ofrecerá, o venres 19 de novembro, unha edición especial na que coñeceremos o labor de UNICEF para promover a saúde, a protección e o benestar da infancia. 

Os presentadores e actores máis coñecidos dos medios públicos, Xosé Manuel Piñeiro, Antón Rebollido, Kiko Novoa, Xoán Galán, Esther Estévez, María Xosé Rodríguez e Monti Castiñeiras, entre outros, implicaranse coma ‘mensaxeiros’, para poñer en valor a importancia da vacinación. 
A estas accións cómpre engadir a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG, que apoiarán a campaña co cancelo #PequeñasSoluciones, visibilizarán a importancia de romper o silencio que rodea á saúde mental, e recollerán as entrevistas, noticias e reportaxes nunha canle temática en www.crtvg.gal.

Nesta XI Semana coa Infancia a CRTVG apoia a UNICEF na defensa, sensibilización e recadación de fondos – con foco en vacinación – para dar resposta aos problemas prioritarios da infancia máis vulnerable. A audiencia poderá colaborar co obxectivo de vacinar ao maior número de nenos e nenas do mundo, chamando ao 900 907 133 ou na páxina pequeñassoluciones.es. Con 10 euros ao mes, cada ano, UNICEF pode vacinar a 255 nenos contra a polio. Tamén se poderá apoiar mediante o envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €, UNICEF poderá vacinar a un neno contra o sarampelo ou a dos nenos contra a polio.

IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 1,2 € ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 900 907 500, Información legal e protección de datos: www.unicef.es