Violencia en Nixeria: Boko Haram acurrala a un millón de nenos

A crise humanitaria en Nixeria non fai máis que empeorar. A violencia de Boko Haram provocou xa o desprazamento de máis 1,4 millóns de nenos e acurralou polo menos a un millón de menores na rexión do lago Chad
 
A nosa actualización do informe Children on the move, children left behind (publicado previamente ao Cume das Nacións Unidas sobre Persoas Refuxiadas e Migrantes), profunda no impacto da insurxencia de Boko Haram sobre os nenos en Nixeria, Camerún, Chad e Níxer e o seu efecto devastador para a infancia.
 
A actualización do informe revela cifras moi alarmantes:
  • Ademais dos 2,6 millóns de persoas desprazadas na actualidade, témese que outros 2,2 millóns de persoas - máis da metade deles, nenos- estean atrapados en zonas baixo o control de Boko Haram e necesiten axuda humanitaria.
  • 38 nenos foron utilizados para levar a cabo ataques suicidas na conca do lago Chad no que vai de ano, elevando a 86 o número total de nenos forzados co mesmo fin desde 2014.
  • Uns 475.000 nenos en toda a rexión do lago Chad sofren desnutrición aguda grave este ano, fronte aos 175.000 que xa a sufrían a principios do ano.
  • No nordés de Nixeria, calcúlase que 20.000 nenos foron separados das súas familias.
  • O informe tamén sinala que a maioría da poboación desprazada - máis de 8 de cada 10 persoas - alóxase coas familias e veciños, o que implica unha presión adicional sobre algunhas das comunidades máis pobres do mundo.
"As comunidades locais están a compartir o pouco que teñen para axudar a quen máis o necesitan nun acto de humanidade que se replica en miles de fogares ao longo das zonas afectadas polo conflito",  explica Manuel Fontaine, director rexional de UNICEF para África Occidental e Central. 
 
 

Violencia en Nixeria: que fai UNICEF

Desde UNICEF estamos a traballar para cubrir as necesidades básicas dos nenos e as súas familias nas áreas afectadas polo conflito. No que vai de ano, preto de 170.000 nenos recibiron apoio psicosocial, case 100.000 recibiron tratamento contra a desnutrición aguda grave e máis de 100.000 participaron nos programas escolares.