Lei de Protección Xurídica do Menor: os nenos serán máis tidos en conta coa reforma
Gabriel González Bueno, Responsable de Políticas de Infancia de UNICEF España
A reforma da Lei de Protección Xurídica do Menor de 1996 que recollen os dous anteproxectos de lei aprobados polo Consello de Ministros é unha boa noticia.
A que hai 18 anos foi unha moderna lei que incorporou á lexislación española gran parte dos principios e contidos da Convención sobre os Dereitos do Neno necesitaba reformas.
Algúns problemas xurdidos na súa aplicación práctica, os avances na interpretación e aplicación dos dereitos dos nenos e nenas e os cambios sociais e familiares acontecidos neste período aconsellaban estes cambios, algúns de gran calado.
Dos moitos ámbitos que abrangue a lei, dende UNICEF Comité Español e á espera de coñecer o texto definitivo dos anteproxectos, quereriamos destacar algúns.
Os cambios propostos polo Comité dos Dereitos do Nenos de Nacións Unidas en relación ao interese superior do neno e o dereito dos menores de idade a ser escoitados que se incorporan neles poden mellorar moitas cousas.
O interese superior deixará de ser algo indefinido para ser unha decisión que se tomará baseada en criterios formais e que deberá ser analizado en cada caso, para cada neno.
o dereito dos nenos a ser oidos e que a súa opinión se teña en conta
O dereito dos nenos a ser oídos e tidos en conta nas decisións que lles afecten refórzase tamén na reforma, deixando de ser o trámite que en moitas ocasións se convertía e potenciando a opinión dos nenos nese progresivo camiño cara a unha cidadanía máis completa e unha maior participación na súa propia vida.
Os nenos serán máis e mellor escoitados e o seu interese será tido en conta de xeito máis rigoroso.
Dos moitos ámbitos que comprende a reforma, quizais destacar só tres máis. O primeiro é a aposta decidida por priorizar o acollemento familiar fronte ao residencial dos nenos tutelados pola administración. Unha aposta que fará que moitos menores que pasan demasiado tempo fóra dun ambiente familiar (e en especial os máis pequenos) poidan volver estar nel.
O segundo ten que ver co incremento da protección dos nenos vítimas de violencia, dende a obriga dos cidadáns e as autoridades de denunciar os delitos contra os nenos dos que se teña coñecemento, pasando polo afastamento dos agresores, e ata a protección efectiva dos que son vítimas directa ou indirectas da violencia de xénero.
E o terceiro é a vontade da reforma de mellorar a coordinación e de aclarar responsabilidades das administracións respecto á infancia, en temas tan importantes como, por exemplo a adopción internacional ou a información compartida.
Confiemos en que, co necesario consenso e as posibles melloras tras o seu paso polo Parlamento, e tamén co debido apoio económico e social, esta reforma se converta nun gran paso adiante para os dereitos dos nenos e nenas que viven no noso país.