Recomendación da Comisión Europea: investir nos nenos, romper o círculo da desigualdade
Post de Gabriel González-Bueno, Responsable de Políticas de Infancia de UNICEF España
O día 20 de febreiro a Comisión Europea fixo pública a súa Recomendación aos Estados sobre a pobreza infantil: Investir nos nenos: romper o ciclo da desigualdade (PDF, en inglés).
Esta Recomendación supón un marco europeo para o desenvolvemento de políticas nacionais de loita contra a pobreza infantil e promoción do benestar dos nenos, nun momento en que as cifras de pobreza e exclusión infantil está a crecer en moitos dos países europeos, moitas veces por enriba das do resto da poboación. O propio documento recoñece o forte impacto que a crise está a ter nos nenos e as súas familias, un impacto que UNICEF España recolleu no seu informe sobre A Infancia en España 2012-2013.
Para UNICEF España é unha satisfacción que a Comisión
adopte na Recomendación un enfoque baseado nos dereitos do neno,
que promova a igualdade de oportunidades e que propoña un balance
equilibrado entre políticas universais e outras enfocadas aos
colectivos infantís máis vulnerables.
A Recomendación establece
tres piares estratéxicos para o desenvolvemento de
políticas:
- O acceso das familias e os nenos a recursos axeitados: apoiando o acceso ao traballo aos pais e nais, e garantindo un nivel de vida adecuado aos nenos mediante axudas económicas, desgravación de impostos e axudas á vivenda.
- O acceso a servizos de calidade: promovendo a atención dende a primeira infancia, garantindo a igualdade de oportunidades no sistema educativo, o acceso en condicións aos sistemas de saúde, a unha vivenda e un ámbito axeitado, e mellorando os sistemas de protección da infancia.
- O dereito dos nenos a participar: mediante o apoio á participación de nenos na vida cultural, deportiva e o dereito ao xogo, e establecendo mecanismos de participación nas decisións que afectan ás súas vidas.
Un obxectivo para reducir a pobreza infantil
Para UNICEF España esta Recomendación é dun especial valor na nosa tarefa de promover políticas nacionais de loita contra a pobreza infantil. Tamén é especialmente importante a proposta que se formula no documento de que os Estados establezan obxectivos específicos de redución da pobreza infantil, algo, que UNICEF vén propoñendo dende 2010.
Que implicacións ten unha Recomendación da Comisión Europea?
Unha Recomendación daUE é un acto lexislativo que adoita proceder da iniciativa dunha institución comunitaria. É un convite para actuar dun determinado xeito, que non impón obrigas legais, pero é un instrumento moi útil para que os Estados dirixan o seu interese cara a determinados temas, enfoquen a súa intervención e se xeren políticas comúns para afrontalos.