Vivir con albinismo: discriminación e superstición

Post de Michael Hosea, promotor dos dereitos dos mozos con minusvalidez, especialmente os que teñen albinismo, a través da rede Leonard Cheshire Disability Young Voices.

Nacín en Mwanza, a segunda cidade máis grande da República Unida de Tanzania. Son o fillo maior e vivo cos meus irmáns e os meus proxenitores en Dodoma, a capital. Na miña familia somos seis fillos, e teño unha irmá e un irmán que tamén son albinos.

 
Os inconvenientes que carrexa a miña situación dificultan moito a miña vida. Debo coidarme sempre do sol, vestirme con roupa pesada e utilizar mangas longas. Tamén debo usar lentes de sol para protexer os ollos. Por outra parte, teño problemas na escola. Hai ocasións nas que non podo ver a lousa e sempre me teño que sentar á sombra.

Neste país non hai suficiente tecnoloxía para mellorar a visión, como lentes, lupas e equipos informáticos especiais, polo que os nenos albinos afrontan enormes dificultades para rematar o ciclo de estudos e encontrar traballo. Como a miña familia é pobre, conseguir o diñeiro para os gastos de escolaridade tamén é complicado.

O trato que nos dá a xente dificulta aínda máis nosa vida. Existe moita discriminación contra as persoas albinas e, ás veces, boto de menos a compañía de amigos. Hai xente con crenzas horribles sobre nós; por exemplo, que non somos humanos e non morreremos nunca, ou que o albinismo é unha maldición dos deuses e que quen nos toque quedará maldito.

O peor de todo é que os que practican a bruxaría nos perseguen e matan para utilizar o noso cabelo, os nosos órganos e partes do corpo en encantamentos e pocións. Durante séculos, algúns creron que se acoden a un médico con partes do corpo dunha persoa albina se volverán ricos e prósperos.
 
Aínda que é ilegal matar os albinos, segue acontecendo a causa da cobiza. Pero todo se basea en mentiras, pois hai xente que fixo estas cousas terribles e as súas vidas non cambiaron.

Hai poucos meses, e grazas a un amigo do meu pai, os meus irmáns e min librámonos de ser asasinados para fins de bruxaría. Ese home veu á nosa casa para advertir o meu pai que os seus tres fillos albinos estaban en perigo, e suplicoulle que nos fosemos deMwanza.

Se ben isto era difícil, pois a situación económica dos meus proxenitores non era boa, empaquetamos todo o que tiñamos e fómonos ás tres da mañá. Viaxamos máis de 500 quilómetros ata chegar a Dodoma, e dous días despois recibimos a noticia de que uns homes irromperan na nosa casa en Mwanza, buscándonos para matarnos.

Cando eses individuos se decataron de que escaparamos, irromperon na casa do noso veciño. El era o representante das persoas albinas da nosa localidade e traballara arduamente para axudarnos e promover os dereitos dos albinos na nosa comunidade. Cortáronlle os xenitais e os brazos e deixárono alí para que morrese.

Máis tarde recibimos unha chamada telefónica doutro veciño, que nos relatou o que sucedera. Esa noticia impactoume de modo que chorei moito, pero que podía facer eu? Así son as cousas.
 

EDUCACIÓN CONTRA A DISCRIMINACIÓN

Non comprendo por que hai persoas que fan isto a outros seres humanos. Eu creo que a educación é a clave para deter os asasinatos, os abusos e a discriminación. É importante que todos -incluíndo os membros da miña familia extensa- saiban quenós somos persoas iguais a eles. Todos somos iguais.

Para escapar das penalidades da vida, gústame cantar e escribir cancións. Acabo de compoñer unha canción sobre os albinos e a nosa loita. O meu sono é poder gravar a miña música nun estudo algún día e difundir a miña mensaxe. Rezo para que chegue o día en que todos os habitantes do mundo entendan que os albinos non somos distintos deles.

Todos somos seres humanos e merecemos ser tratado con amor e respecto.