2,5 millóns de nenos afectados por novas inundacións en Paquistán

Uns 2.500.000 nenos víronse afectados polas fortes inundacións provocadas polo monzón no sur de Paquistán, onde aínda se recuperan das graves inundacións que se produciron hai un ano. Antes de que a situación empeore, UNICEF considera necesario fornecer a estes nenos máis apoio e asistencia.
 

As fortes choivas de monzón e as inundacións están a afectar a uns cinco millóns de persoas en todoPaquistán, segundo o goberno do país. Soamente na provincia de Sindh, centos de miles de familias sufriron os efectos deste monzón, en 22 dos 23 distritos da provincia. Preto dun millón de fogares foron destruídos ou danados, provocando o desprazamento da poboación. Máis de200.000 persoas están a vivir en máis de 1.400 campos de axuda, onde hai escolas públicas, e en edificios, tendas e asentamentos provisionais, segundo os datos preliminares feitos públicos pola Autoridade Nacional de Xestión de Desastres.

Inundacións que agravan a situación provocada en 2010

Os nenos e as familias continúan recuperándose dos efectos causados polas inundacións de 2010, que agravaron os niveis existentes de desnutrición crónica, as prácticas insalubres de saneamento, a baixa asistencia á escola primaria (especialmente por parte das nenas), e unha serie de cuestións relacionados coa protección infantil.

"Os nenos son os máis vulnerables nunha emerxencia. Neste desastre, moitos deles están a experimentar os devastadores efectos dunha emerxencia debido á segunda inundación que se produce nun ano. Os seus mecanismos para soportar a situación xa eran débiles e a súa vulnerabilidade elevada", afirma o Representante de UNICEF en Paquistán, Dan Rohrmann.

"Estamos a ser testemuñas dunha enorme devastación ao longo de extensas áreas da provincia deSindh. As preocupacións principais son o acceso ásaúde e nutrición, auga potable e protección. Ao comezo dunha emerxencia como esta, é fundamental chegar aos nenos con intervencións que poden salvar as súas vidas e axudarlles a volver á normalidade," dixo Rohrmann.

"As inundacións, ademais de apartar aos nenos e as súas familias dos seus fogares, contaminaron pozos e outras fontes de auga potable, comprometendo o saneamento e a hixiene, e están a contribuír a un aumento das enfermidades transmitidas pola auga, como a diarrea," afirma Rohrmann.

Seguindo a petición oficial de axuda do Goberno de Paquistán, UNICEF está a traballar en estreita colaboración coa Autoridade Nacional de Xestión de Desastres e outras axencias de Nacións Unidas, para atender de forma urxente das necesidades humanitarias.