5 razóns para apoiar a lactación materna

A lactación materna é unha práctica gratuíta e segura que ten un bo número de beneficios tanto para as nais coma para os bebés. Pero tamén é unha práctica sobre a que existen moitos mitos. Desmontámolos con información veraz e coas nosas razóns para apoiar as nais que desexan dar o peito:
 
1. A lactación materna salva miles de vidas de bebés cada ano: o leite materno proporciona ao recén nacido a súa primeira "inmunización". Ao fortalecer o seu sistema inmunolóxico reduce o risco de que contraia algunha enfermidade infecciosa. A partir da primeira hora de vida do bebé, manter a lactación materna exclusiva durante seis meses e continuar a lactación materna con alimentación complementaria ata os 2 anos podería evitar máis de 800.000 mortes ao ano.

2. Tamén protexe as nais: a lactación materna contribúe a que o útero da nai se contraia, un factor que reduce o perigo dunha hemorraxia abundante ou dunha infección. Ademais, as mulleres que dan o peito teñen un menor risco de sufrir diabete, cancro de mama, cancro de ovario, osteoporose e algunhas enfermidades cardiovasculares.

3. É unha práctica ecolóxica: o leite materno é un alimento natural, renovable que non necesita envasado, transporte ou proceso de elaboración, polo que é amigable co medio.

4. É segura: as nais que viven con VIH/SIDA, por exemplo, poden dar o peito aos seus fillos durante os primeiros seis meses e continuar despois con alimentos complementarios adecuados en combinación coa terapia antirretroviral.
 
5. Mesmo en situacións de emerxencia: a lactación materna exclusiva é unha práctica esencial para salvar vidas en situacións de crise e emerxencias, para protexer contra as enfermidades transmisibles e a desnutrición. Por iso dende UNICEF preparamos plans de resposta de emerxencia que inclúen a protección da lactación materna, a súa promoción e apoio.
 

Semana Mundial da Lactación Materna

Hai moitas máis razóns para apoiar unha práctica tan beneficiosa. E, precisamente, para protexela, este ano, queremos aproveitar a Semana Mundial da Lactación Materna para recoñecer o apoio necesario para as mulleres que traballan e desexan continuar dando o peito aos seus fillos.

A realidade é que a maioría de nais non se beneficia de políticas favorecedoras nos lugares de traballo. Isto non é só unha perda para as nais traballadoras e os seus bebés. Tamén é unha perda para as empresas e os empregadores.

As nais traballadoras con beneficios axeitados á maternidade, como un lugar de traballo que apoie a lactación, teñen maior satisfacción co seu traballo e maior lealdade cara a quen as emprega. Os nenos que recibiron lactación materna adoitan enfermar con menos frecuencia, co cal as súas nais tamén faltan menos ao seu traballo. Estes efectos contribúen a unha maior produtividade, beneficiando ás empresas e economías ás que contribúen.