Achegar o sistema de saúde ás comunidades en Haití
A saúde e a nutrición foron dúas das principais prioridades de UNICEF tras o terremoto. A prevención de calquera brote epidémico grave nos meses posteriores ao terremoto, a pesar do colapso total do sistema de saúde, foi unha das accións claves de UNICEF. Porén, superar o brote de cólera que afectou o país a partir de outubro supón un dos principais desafíos ao que hai que facer fronte.
Durante as sucesivas campañas de emerxencia que tiveron lugar de xaneiro a outubro, UNICEF e os seus aliados lograroninmunizar 1.940.000 nenos contra enfermidades que se poden previr, como o xarampón, a polio, a rubéola e a poliomielite, entre outras, á vez que recibían tamén suplementos de vitamina A.
As accións centráronse nos nenos que vivían en campamentos de desprazados e ampliáronse nunha segunda fase ás comunidades veciñas, as escolas e centros de atención residencial das zonas afectadas. Actualmente, UNICEF céntrase no restablecemento dos servizos habituais de inmunización a nivel nacional.
A importancia dunha clínica en Jacquot
Esta prioridade ponse de manifesto coa posta en marchadunha clínica apoiada por UNICEF en Jacquot, unha vila de montaña preto Porto Príncipe, a capital, no que antes do terremoto non existía ningún centro de saúde. Isto mellorou considerablemente a vida dos habitantes do concello, especialmente agora, en tempos de cólera, onde a atención inmediata é fundamental para o seu tratamento.
"Tiña que erguerme ás tres da mañá para traer o meu fillo ver o médico", conta Marie Marthe Aristile ao saír da consulta local. Antes de que se construíse a clínica, Aristile e outras nais coma ela, tiñan que camiñar polo menos oito horas a pé ata un centro de saúde, que se atopaba nas aforas.
[]
Sor Marie Benedicte, que dirixe a clínica, explica como cambiou a vida dos 8.000 habitantes da vila e das súas áreas próximas. "Co apoio de UNICEF somos capaces de facer fronte á maioría dos casos. Porén, se o paciente está moi grave, trasladámolo a un hospital xeral na capital".
Para o Xefe de Saúde Jean-Claude Mubalama, a clínica supuxo unha mellora na saúde para os membros da comunidade. "Ter un centro de saúde como este nas zonas rurais fixo máis fácil para as familias ter acceso á atención médica. UNICEF seguirá prestando apoio e ampliando as instalacións de saúde nas áreas rurais, especialmente naquelas que se viron destruídas polo terremoto".
O reto do cólera
Desde que estalou o cólera en outubro, UNICEF e os seus aliados estiveron dando resposta inmediata para o seu tratamento. A finais de decembro, UNICEF estaba apoiando 24 Centros de Tratamento do Cólera (CTC), 48 unidades máis pequenas de tratamento do cólera (CTU) e unha rede de puntos de distribución nos que a xente podía acceder rapidamente á terapia de Rehidratación Oral.
A desnutrición, unha emerxencia silenciosa
Un ano despois do terremoto, non houbo ningún deterioro nos niveis de desnutrición entre os nenos de Haití, aínda que co sismo púxose de manifesto que a desnutrición é un desafío estrutural arraigado no país. A desnutrición crónica mantívose como unha crise silenciosa para un de cada tres nenos menores de cinco anos no país.
UNICEF está subministrando suplementos nutricionais para os nenos e nais máis vulnerables. Igualmente, prestou orientación e información sobre nutrición a uns 102.000 nenos e 49.000 nais a través dunha rede de 107 tendas de campaña para os bebés. Estas tendas creáronse, ademais, co obxectivo de que os bebés puidesen estar nun medio seguro e ensinarlles ás nais os beneficios da lactación materna.