All In:unindo líderes para erradicar a SIDA entre adolescentes
A SIDA converteuse na principal causa de morte entre os adolescentes en África e a segunda a escala mundial. Só 1 de cada 4 menores de 15 anos ten acceso ao tratamento antirretrovírico, esencial para salvar vidas. As mortes están a diminuír en todos os grupos de idade, agás entre os de 10 a 19 anos.
As novas infeccións por VIH entre adolescentes non están a diminuír tan rapidamente como noutros grupos de idade. As adolescentes, en particular na África subsahariana, son as máis afectadas. En Sudáfrica, en 2013, cada semana infectáronse co VIH máis de 860 rapazas, en comparación con 170 rapaces.
Para facer fronte a esta desigualdade, ONU SIDA, UNICEF e os nosos aliados lanzamos All In, unha nova plataforma de acción para lograr mellores resultados para os adolescentes, fomentando cambios estratéxicos nas políticas e a participación de máis novos nese empeño.
All In: as adolescentes, as máis afectadas pola sida
Líderes de todo o mundo reuníronse onte en Nairobi (Kenya), onde o presidente Uhuru Kenyatta presentou a nova plataforma, que axudará a facer fronte a unha das carencias máis incitantes na resposta á SIDA.
"Ao incluír os adolescentes nos procesos de toma de decisións que afectan tan directamente á súa vida, esta iniciativa supoñerá un catalizador para o cambio", dixo o presidente kemiano. "Kenya está orgullosa de apoiar esta nova iniciativa".
All In céntrase en catro áreas de acción fundamentais: a participación, a mobilización e o empoderamento dos adolescentes como líderes e actores do cambio social; mellorar a recompilación de datos para dispoñer dunha base mellor para elaborar os programas; fomentar enfoques innovadores para chegar aos adolescentes con servizos esenciais relacionados co VIH adaptados ás súas necesidades; e facer que o VIH entre os adolescentes sexa un tema constante nas axendas políticas para impulsar medidas concretas e mobilizar recursos.
All IN: o VIH, principal causa de morte entre adolescentes en África
"O VIH é a principal causa de morte entre adolescentes en África, onde ademais as probabilidades de infectarse polo VIH son 5 veces maiores nas mozas que nos mozos. Iso é unha inxustiza moral", afirmou Michel Sidibé, director executivo de ONU SIDA. "Fago un chamamento aos mozos para que abandeiren o movemento All In, xunto coas Nacións Unidas, os asociados do sector público e privado, e os propios países, para poñer fin á epidemia de SIDA entre adolescentes".
A maior parte dos 2,1 millóns de adolescentes que vivían co VIH en 2013 infectáronse fai polo menos 10 anos, durante o embarazo, o parto ou no primeiro mes de vida, nun tempo en que non se contaba cos medicamentos antirretrovíricos que tanto reducen a posibilidade de transmisión do VIH. A moitos deles nunca se lles diagnosticou a infección, non tiveron seguimento ou quedaron fóra dos programas de tratamento e atención.
"Os nenos e os mozos deben ser os primeiros en beneficiarse dos progresos que logramos para poñer fin á epidemia, non os últimos", declarou Anthony Lake, director executivo de UNICEF. "Temos que chegar aos adolescentes aos que non chegamos e implicar a todos os mozos no esforzo para poñer fin á sida entre os adolescentes. De feito, sen eles non podemos alcanzar a meta dunha xeración sen sida".
All In: Lograr unha xeración libre de sida
A plataforma de acción All In ten como obxectivo aumentar a participación significativa dos adolescentes nos procesos de toma de decisións e fortalecer os movementos sociais liderados por mozos. A campaña tamén identificará oportunidades para vincular as estratexias para responder ao VIH entre os adolescentes nos programas actuais de saúde e desenvolvemento para ese público. Ademais, All In Involucrará aos líderes nacionais para coordinar, apoiar e levar a cabo avaliacións dos programas existentes e ampliar as alianzas en busca de innovacións entre os sectores público e privado.
Os próximos 5 anos serán cruciais. ONU SIDA fixou novos obxectivos da estratexia de Resposta Rápida referidos aos adolescentes que deben alcanzarse para 2020, que abranguen a redución das novas infeccións polo VIH en polo menos un 75%, o descenso das mortes relacionadas coa sida nun 65% e chegar á cero discriminación. A consecución deses obxectivos situaría ao mundo na senda cara ao fin da sida entre os adolescentes en 2030 e cara ao fin da epidemia mundial de sida como ameaza para a saúde pública.