Ana Pastor: "Si se pode"
Post de Ana Pastor, xornalista de CNN.
Ten o pelo moi escuro aínda que comezaron a xermolarlle algúns fulgores avermellados. A cor amendoado dos seus inmensos ollos comeza a fundirse co amarelo que baixa dende as pálpebras e a súa barriga equivale xa ao dobre de todo o seu corpo. Vin moitos nenos menores de dous anos aos que a fame provoca estes efectos antes de intentar matalos dun xeito lento e cruel, pero Ismail enfrontábase a unha proba diferente. A falta de alimentos levárase a dentadas parte da súa pel e inchara os seus ollos ata practicamente deixalo sen vista. A súa pequena boca estaba agora esnaquizada por decenas de codias.
Por iso, resulta incrible ver como gañou a batalla á morte e o fixo no medio dese pedregal que hai as veces de campo de refuxiados en Somalia, o seu país. Agora, un ano despois, morde un anaco de pan e loce orgulloso unha bela papada propia de calquera bebé. A súa nai, Amina, fala da volta á vida. E así é. Regresou das entrañas do monstro loitando cunha coraxe sobrehumana por quedar entre os seus.
Pero ollo, non foi un milagre. O seu cura ten nomes e apelidos: chámase programa contra a desnutrición infantil de UNICEF. Só con salvar un Ismail tería pagado a pena a contribución dos seus socios e, sobre todo, o esforzo dos seus traballadores sobre o terreo. Pero a boa noticia é que non é un caso único. Alí onde moitos gobernos e organizacións políticas internacionais abandonaron millóns de seres humanos á súa sorte e permitiron que se xogue á especulación dos alimentos e a morte, alí UNICEF salva vidas. Son como o teu fillo ou o meu pero son algún dos máis de241.000 nenos que presentaban desnutrición aguda en Somalia antes de que se declarase a fame e que conseguiron sobrevivir. Son como o teu fillo ou o meu pero son os 1,8 millóns tratados en 2011 por desnutrición nese país e moitos outros da zona. Pequenos sobreviventes cun ano máis de vida grazas a unha única e transversal crenza: Si é posible.