Brote de ébola: a epidemia deixa a miles de nenos orfos

Polo menos 3.700 nenos en Guinea, Liberia e Serra Leoa perderon un ou ambos os dous proxenitores a causa do ébola dende o inicio do brote en África occidental, segundo as primeiras estimacións de UNICEF.

Moitos destes nenos están a ser rexeitados polos seus familiares sobreviventes por temor á infección.

"Miles de nenos están a afrontar a morte da súa nai, pai ou membros da súa familia a causa do ébola", explica Manuel Fontaine, director rexional de UNICEF para África occidental e central, que acaba de regresar dunha visita de dúas semanas a Guinea, Liberia e Serra Leoa.

"Estes nenos necesitan urxentemente especial atención e apoio; non obstante, moitos deles séntense rexeitados e mesmo abandonados.

Xeralmente, dos orfos faise cargo un membro da familia máis próxima, pero nalgunhas comunidades o medo que rodea ao ébola estase a converter en máis forte que os lazos familiares. "

Brote de ébola: o número de casos aumenta

O número de mortos a causa do ébola aumenta. Os informes preliminares de Guinea, Liberia e Serra Leoa suxiren que o número de nenos orfos por esta enfermidade se incrementou nas últimas semanas e é probable que se duplique para mediados de outubro.

O ébola tamén está a impactar emocionalmente nos nenos, sobre todo cando eles ou os seus pais teñen que ser illados para o seu tratamento.

Para acelerar a resposta ao ébola UNICEF está a buscar formas tradicionais e novidosas para axudar a proporcionar aos nenos o tratamento físico e emocional que necesitan:
 

  • En Liberia UNICEF está a axudar ao goberno a formar 400 traballadores sociais adicionais e de saúde mental. UNICEF tamén está a traballar coas autoridades locais nos condados máis afectados para axudar a fortalecer o apoio da familia e a comunidade aos nenos afectados por ébola e brindar atención aos que foron rexeitados polas súas comunidades ou cuxas familias morreron.
  • En Serra Leoa máis de 2.500 superviventes do ébola - agora inmunes á enfermidade - serán formados para atender e apoiar os nenos en corentena nos centros de tratamento. UNICEF tamén traballa cos seus aliados para reunir os nenos separados das súas familias a través dunha extensa rede de busca de familiares en todo o país, que tamén ofrece aos nenos apoio psicosocial.
  • En Guinea UNICEF e os seus aliados proporcionarán apoio psicosocial a uns 60.000 nenos e familias vulnerables nas comunidades afectadas por ébola.

Brote de ébola: "Consolar a un neno pode sentenciarte a morte"

"O ébola está a converter unha reacción humana básica como consolar un neno enfermo nunha potencial sentenza de morte", explica Fontaine.

"A gran maioría dos nenos afectados polo ébola aínda quedan sen a atención axeitada. Non podemos responder a unha crise desta natureza e escala da forma habitual. Necesitamos máis coraxe, creatividade, e agora moitos máis recursos".

UNICEF fai un chamamento por 157 millóns de dólares para proporcionar asistencia de emerxencia aos nenos e as familias afectadas polo brote de ébola en toda a rexión, incluíndo as actividades de protección. Ata agora, UNICEF só recibiu o 25 por cento desta cantidade.