Brote de ébola: que contén un kit de protección?

O brote de ébola continúa cobrándose vidas en África Occidental.

A magnitude da crise é única e as súas consecuencias sobre os nenos son nefastas e de longo alcance.

Os países afectados polo ébola (Guinea, Liberia, Nixeria, Senegal e Serra Leoa) informaron de 4.963 casos e 2.453 mortes (a 16 de setembro). E o brote segue estendéndose rapidamente. Nos últimos 21 días déronse o 47% do número total de casos. En Liberia, o número de casos case se duplicou nos últimos 21 días (un total de 2.407 casos dende o 16 de setembro).

O noso esforzo en Liberia céntrase agora en continuar entregando subministracións esenciais, enviar persoal especialista de apoio, protexer aos países veciños e axudar ás familias a protexerse.

Precisamente para axudar ás familias a tratar de evitar o contaxio do ébola, estamos a repartir kits de protección do fogar. Estes kits están deseñados para as familias que coidan os seus familiares enfermos.
 

Ébola: que conten un kit de protección do fogar?

Para frear a transmisión dentro dos fogares, os kits proporcionan produtos de protección e desinfección básicas para as familias con membros contaxiados polo virus.

Cada kit contén un pulverizador desinfectante, 20 bolsas de lixo vermellas que non deben mesturarse co lixo común, un cubo de peche hermético de 20 litros para refugallos, catro pares de luvas de limpeza de caucho reutilizables, 100 luvas dun só uso para que os familiares poidan facer as curas á persoa enferma, un traxe de protección para poder achegarse e axudar co tratamento, unha máscara cirúrxica, 6 barras de xabón desinfectante de 100 gramos, un paquete de cloro de 500 gramos e unha culler mediadora. Tamén inclúen baldes para que os poida usar unicamente a persoa enferma.

Coa axuda de moitas institucións, organizacións e persoas que fixeron donativos puidemos distribuír 50.000 kits en Liberia. Se queres e podes, ti tamén podes axudarnos a seguir enviando kits de protección.

Podes facer unha doazón online ou enviar un SMS coa palabra EBOLA ao 38080 para doar 4 euros ou EBOLA ao 38028 para doar 2 euros cos que poderemos continuar enviando kits como os que che mostramos familias que os necesitan.