Champions for Life:"Ogallá enchamos o Bernabéu, sería o mellor regalo para os nenos de Filipinas"
Tan só quedan 5 días para que teña lugar o I Champions for Life. Será o 30 de decembro no estadio Santiago Bernabéu.
Trátase dunha das citas deportivas máis solidarias do ano, froito dunha alianza entre a Fundación da Liga de Fútbol Profesional e UNICEF Comité Español.
"O fútbol pode axudarnos a conseguir grandes cousas. Ogallá enchamos o Santiago Bernabéu. Sería o mellor regalo para os nenos de Filipinas", aseguraba Javier Martos, director executivo de UNICEF Comité Español nun encontro con xornalistas para promover o evento deportivo.
As entradas xa están á venda nos despachos do estadio Santiago Bernabéu e, ademais, repartiranse máis de 15.000 convites para persoas desempregadas e 5.000 para federados da Comunidade de Madrid. Hai entradas dispoñibles a partir de 5 euros.
os fondos conseguidos, para os nenos afectados polo tifón en Filipinas
Máis de 5 millóns de nenos víronse afectados polo tifón que azoutou Filipinas o pasado 8 de novembro. Moitos deles perderon os seus fogares, a familiares e o seu sentimento de seguridade e protección.
UNICEF traballa sobre o terreo dende o primeiro momento para responder ás necesidades destes nenos. A axuda que chega convértese en auga, vacinas e espazos seguros para que os nenos poidan aprender e xogar nun ámbito protector.
Necesítanse fondos para seguir dando resposta a estas necesidades. A metade dos recursos conseguidos con esta acción destinaranse aos programas de emerxencia de UNICEF en Filipinas. A outra metade, destinarase a proxectos sociais da Fundación da Liga de Fútbol Profesional.