Conferencia pola inclusión dos nenos con discapacidade
En Moscú celébrase nestes días a primeira conferencia rexional pola inclusión dos nenos con discapacidade. En total 1,1 millóns de nenos con discapacidade no Centro e o Leste de Europa e a Comunidade de Estados Independentes viven á marxe da sociedade, escondidos nas súas casas ou en institucións.
Os nenos con discapacidade teñen máis probabilidade de non asistir á escola e son máis vulnerables a sufrir o abandono, o abuso e a explotación. "Como se indica na Convención, os nenos con discapacidade deben ter acceso a unha educación primaria e secundaria inclusiva, de calidade e gratuíta en igualdade de condicións. É a nosa responsabilidade asegurar que este dereito se cumpra ", dixo Berman-Bieler, Asesora de UNICEF sobre Nenos con discapacidade.
A Conferencia, que concluirá o 29 de setembro, está organizada por UNICEF co apoio do Goberno da Cidade de Moscú. Nela reúnense expertos e funcionarios gubernamentais de 20 países que desde o pasado martes están a compartir boas prácticas sobre o marco xurídico adecuado, políticas e financiamento. Durante o transcurso da Conferencia darase voz aos nenos, con ou sen discapacidade, que expresarán as súas opinións.
Rosangela Berman-Bieler, instou os gobernos a ratificar a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e apoiou as políticas para unha educación inclusiva.
Hai que evitar o ingreso dos nenos en institucións
"Tamén cremos que se debería facer un esforzo para reducir o prexuízo, estigma e discriminación contra os nenos con discapacidade. Para facer fronte ás percepcións da sociedade e cambiar as actitudes cara a eles, necesítanse intervencións en promoción, mobilización social e comunicación para o cambio social", engadiu Berman-Bieler.
Entre as medidas que se recomendan para avanzar no camiño da inclusión atópanse: evitar o ingreso dos nenos con discapacidade en institucións, dando prioridade aos menores de tres anos; pór en práctica políticas de educación e estratexias para promover o acceso e plena participación á educación de calidade; e o respecto dos dereitos dentro dos ambientes de aprendizaxe.