Conflito en República Centroafricana: unha violencia sen precedentes contra os nenos
No contexto de violencia que se apoderou da capital de República Centroafricana dende principios de decembro, os ataques contra os nenos tomaron un novo cariz de brutalidade con, polo menos, dous nenos decapitados, e un deles mutilado.
"Estamos a ser testemuñas duns niveis de violencia contra os nenos sen precedentes. Cada vez máis nenos están a ser recrutados por grupos armados, e tamén son o obxectivo directo de atroces ataques de vinganza", afirmou Souleymane Diabate, representante de UNICEF en República Centroafricana.
"Os ataques dirixidos contra os nenos son unha violación do dereito internacional humanitario e os dereitos humanos, e deben parar inmediatamente. Necesítanse medidas concretas para previr a violencia contra os nenos", dixo Diabate.
UNICEF e os seus aliados confirmaron que polo menos 16 nenos morreron e 60 foron feridos dende o estalido da violencia en Bangui o pasado 5 de decembro.
Conflito en República Centroafricana: hai que tomar medidas para protexer os nenos
O representante de UNICEF no país dixo que as partes en conflito son responsables de tomar medidas específicas para proporcionar esta protección crucial aos nenos. Isto inclúe:
- Directivas claras por parte daqueles en posicións de autoridade dentro das forzas e grupos armados para deter as graves violacións contra os nenos. As ordes deben deixar claro que os nenos non deben ser recrutados para a loita nin ser un obxectivo desta.
- A liberación inmediata de nenos asociados a forzas e grupos armados e a súa protección fronte a represalias. Os centros de tránsito instalados para a liberación e reinserción dos nenos tamén deben ser protexidos de ataques.
- Prohibir os ataques contra o persoal de saúde e educación, e o uso de espazos civís como escolas e hospitais para propósitos militares.
- Permitir o paso seguro e sen obstáculos da asistencia humanitaria imparcial.
Unhas 370.000 persoas, case a metade da poboación de Bangui, víronse desprazadas a ducias de asentamentos ao longo da capital durante as tres últimas semanas. Ao redor de 785.000 persoas están desprazadas internamente no país dende o estalido do conflito hai máis dun ano.
UNICEF está aumentado os seus esforzos de asistencia ás comunidades de desprazados, incluíndo o abastecemento de auga potable, instalacións de saneamento, subministracións médicas e instalación de espazos seguros para os nenos.