Convención sobre os Dereitos do Neno: 15 aniversario da adopción de 2 dos seus Protocolos Facultativos

Hoxe cúmprense 15 anos da adopción dos Protocolos Facultativos da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN) sobre a trata de menores, prostitución e pornografía infantil (OPSC, polas súas siglas en inglés) e a participación de nenos en conflitos armados (OPAC, polas súas siglas en inglés).

Grazas aos significativos esforzos realizados nos últimos cinco anos, o OPSC está vixente en 169 países, mentres que o OPAC foi ratificado por 159 estados.

"A medida que nos achegamos ao obxectivo da ratificación universal, e que os debates sobre o programa mundial de desenvolvemento post-2015 se van intensificando, a
protección dos nenos contra todo tipo de violencia en todos os contextos pode converterse nunha prioridade real para todos", explica a Representante Especial do Secretario Xeral da ONU sobre Violencia contra os Nenos, Marta Santos Pais.
 

Que é o protocolo sobre a trata de menores e a prostitución e pornografía infantil? 

O Protocolo sobre a trata de menores e a prostitución e pornografía infantil proporciona unha orientación detallada para axudar aos estados no cumprimento das súas obrigas de prohibir, penalizar, previr e garantir a rendición de contas polos delitos de violencia sexual e explotación.

Ademais, deben proporcionar acceso a unha xustiza sensible coa infancia, así como a recuperación, reintegración e indemnización aos menores vítimas da explotación sexual e a trata con fins de realización de traballos forzosos ou adopcións ilegais, entre outros.
 

Que é o Protocolo Facultativo sobre a participación de nenos en conflitos armados?

O Protocolo Facultativo sobre a participación de nenos en conflitos armados prohibe que os nenos tomen parte nas hostilidades, alenta a todos os Estados para establecer a súa idade mínima de recrutamento nos 18 anos e crea conciencia sobre a obriga dos Estados de tipificar como delito o recrutamento e uso de nenos e nenas. Tamén prohibe o recrutamento de menores de 18 anos por parte de grupos armados, que son os principais recrutadores de nenos.