Crise de Sirya: 500 nenos evacuados de Homs

Polo menos 500 nenos encóntranse no grupo de civís que foron evacuados da cidade asediada de Homs, en Sirya, durante a operación humanitaria emprendida por Nacións Unidas e a Media Lúa Vermella Árabe Sirya nos últimos días.

Responsables de UNICEF sobre o terreo sinalaron que os nenos estaban aterrorizados, débiles e consumidos.

As súas nais estaban ansiosas e moitas choraban; todo o que querían era que os seus fillos chegasen seguros. Entre os evacuados había tamén unhas 20 mulleres embarazadas.

Estes responsables acompañaron aos nenos ata unha zona segura para garantir que non fosen separados das súas familias. Ademais, proporcionáronlles suplementos nutricionais ao chegar ao centro de acollida.

Un total de 190 nenos foron vacinados contra a polio, a DPT (difteria, tose ferina e tétanos), hepatite B, sarampelo e outras enfermidades prevenibles.

Mentres o acceso a algunhas localidades en Homs foi extremadamente difícil, o Fondo de Poboación de Nacións Unidas (UNFPA) conseguiu entregar alimentos satisfactoriamente para ao redor de 687.000 persoas en Homs.

Antes de que comezase a operación humanitaria, UNICEF estimou que había máis de 1.000 nenos atrapados en Homs.

O coordinador da asistencia humanitaria da ONU en Sirya, Yacoub El Hillo, deu a benvida a esta noticia, "que será un precedente esperanzador para o acceso humanitario ás comunidades asediadas de Sirya", mentres supervisaba a operación na parte vella da cidade de Homs.

Ao mesmo tempo, UNICEF segue sumamente preocupado pola sorte dos nenos que continúan atrapados en Homs e outras comunidades asediadas por toda Sirya.

 

CRISe DE SIRyA: ACCESO HUMANITARIO

A operación de Nacións Unidas para asistir aos civís que desexaran deixar a cidade de Homs comezou o 7 de febreiro. Grazas ao acordo establecido entre Goberno e oposición, a axuda humanitaria chegou ás zonas asediadas. O primeiro grupo de civís evacuados foi acompañado por persoal de Nacións Unidas e da Media Lúa Vermella Árabe Sirya. Un destes homes, aterecido, aseguraba: Vai frío, moito frío. Sabe cantos pantalóns levo? Levo catro. Mire as miñas mans, comín tomiño e aceite. Sabe cal é a forma moderna de comer? Meter a culler en aceite, botar o tomiño e comelo. En total, foron 1.151 os civís evacuados da cidade vella de Homs.