Crise en Iraq: comeza unha campaña masiva de vacinación contra a polio
Acaba de comezar en Iraq unha campaña de vacinación contra a poliomielite que pretende protexer en todo o país a máis de 4 millóns de nenos menores de 5 anos contra esta terrible enfermidade.
A campaña, de catro días de duración, impulsada polo Ministerio de Saúde co apoio da OMS e UNICEF, forma parte da resposta que leva a cabo o país dende a reaparición do virus da polio a principios deste ano.
"Esta campaña chega nun momento crítico, xa que o país está a ser testemuña dun enorme éxodo interno de nenos que foxen da violencia e os disturbios", dixo Marzio Babille, representante de UNICEF en Iraq. "Esta é unha prioridade para UNICEF. Ningún neno debe quedar sen vacinar e correr o risco de sufrir unha parálise".
Crise en Iraq: miles de nenos en risco
A campaña pretende chegar aos nenos de todo o país, mesmo a aqueles que se encontran en zonas de conflito, comunidades desprazadas e poboacións de acollida. A continua violencia que sofre o país precipitou o desprazamento interno de case 1,2 millóns de persoas dende o comezo deste ano.
Case 200.000 persoas foron desprazadas nos últimos tres días na rexión do Kurdistán. UNICEF estima que a metade deles son nenos.
"A medida que se estende a violencia, os nenos e as súas familias estanse a ver obrigados a desprazarse ata tres veces, a miúdo vivindo en condicións de amoreamento nas que corren un risco moito maior de contraer enfermidades infecciosas," explica o doutor Syed Jaffar Hussain, representante da OMS en Iraq.
Crise en Iraq: novos casos de polio
Tras detectarse dous casos de polio en Iraq despois de 14 anos libres da enfermidade e sabendo que hai un número elevado de nenos sen vacinar debido ás dificultades de acceso ás familias e os nenos -especialmente nas zonas en conflito e debido ás barreiras sociais-, o país é vulnerable a sufrir brotes desta terrible enfermidade incurable aínda que previble cunha vacina.
A OMS e UNICEF están a axudar ás autoridades sanitarias a chegar aos nenos de 12 provincias, entre elas as tres provincias da Rexión do Kurdistán de Iraq, onde aproximadamente 250.000 nenos iraquís e 125.000 nenos sirios buscaron refuxio.
"Iraq é un dos sete países incluídos nun plan consolidado de resposta ante a polio dirixido pola OMS e UNICEF que pretende chegar a 25 millóns de nenos da rexión con doses repetidas da vacina. Débese facer todo o posible para chegar a todos os nenos e erradicar a polio para sempre", sinala Chris Maher, director da OMS para a erradicación da polio.