Crise en Siria: declaración sobre o cesamento das hostilidades

"Para os nenos de Siria, o acordo sobre as condicións dun cesamento de hostilidades é unha boa noticia despois de cinco anos dun conflito brutal. UNICEF acolle con satisfacción este avance diplomático, que debe estar apoiado agora por accións concretas. 

Accións para poñer fin á violencia e a destrución. Accións de todas as partes involucradas no conflito para facilitar un acceso ilimitado e incondicional que permita proporcionar a todos os nenos e as familias a asistencia humanitaria que necesitan desesperadamente, e que debe incluír alimentos, auga, vacinas e subministracións médicas. E accións que permitan aos nenos regresar á escola e recuperar unha infancia normal.
 
Se se aplica, o cesamento de hostilidades representa unha oportunidade para iniciar o labor de reparar un país que sufriu moito durante demasiado tempo, e de chegar aos nenos e nenas que son o futuro de Siria".
 
Declaración de Anthony Lake, director executivo de UNICEF