Cumio en Londres: a batalla contra a desnutrición

O próximo día 8 de xuño terá lugar un cumio en Londres, organizada polos gobernos de Brasil e o Reino Unido e Children's Investment Fund Foundation (CIFF), que ten como obxectivo a loita contra a desnutrición e lograr un acordo para reducir en 20 millóns adicionais o número de nenos con desnutrición crónica nos 20 países máis afectados para o ano 2020.

En visperas deste cumio, a revista The Lancet publicou hoxe unha nova investigación sobre nutrición materna e infantil, que reforza a necesidade dun liderado decidido e un firme compromiso a nivel nacional e mundial para gañar a batalla contra a desnutrición.

"A loita contra a desnutrición estase a gañar, pero o progreso é demasiado lento para demasiadas persoas", dixo Werner Schultink, Director de Nutrición de UNICEF. "Agora debemos acelerar o paso para que non se sumen máis nenos aos 165 millóns de nenos con desnutrición crónica (atraso no crecemento) e salvar a moitos millóns máis que sofren outras formas de desnutrición. "
 

Nova investigación de 'The Lancet' sobre mortalidade infantil e materna

A investigación de The Lancet identifica causas nutricionais adicionais relacionadas cos casos de mortalidade que incrementaron o número de mortes de nenos menores de cinco anos por desnutrición a 3,1 millóns de mortes ao ano ou 45 por cento de todos os menores de 5 anos, fronte aos últimos cálculos da revista en 2008. O estudo mostrou que os nenos que nacen demasiado pequenos para a súa idade xestacional ( máis dun cuarto dos nacementos nos países de ingresos baixos e medios) se encontraban nun risco substancialmente maior de morrer.

"A nosa mensaxe é clara: agora é o momento para que todos demostremos un liderado decidido e un firme compromiso cos millóns de nais e nenos que aínda son vítimas da desnutrición", dixo Schultink.

Segundo UNICEF o investimento nos primeiros 1.000 días de vida dun neno dá forma ao futuro das nacións. Acabar coa desnutrición crónica e outras formas de desnutrición salva vidas e mellora a saúde, o futuro dos nenos e o progreso do desenvolvemento. "É por iso que a loita contra a desnutrición ten que ser un imperativo global para os doadores, para os países afectados, para os innovadores do sector privado e para as propias comunidades", dixo Schultink.
 

a desnutrición pode reducirse mediante intervencións sinxelas

Un informe publicado por UNICEF no mes de abril, Mellorar a Nutrición Infantil: Imperativo alcanzable para o progreso global, puxo de relevo que a desnutrición pode reducirse mediante intervencións de eficacia demostrada, tales como promover a lactación materna exclusiva, tratar as carencias de micronutrientes e mellorar a nutrición da nai antes e durante o embarazo.

The Lancet informa que a desnutrición reduce o progreso económico dun país polo menos nun oito por cento debido ás perdas de produtividade directas, perdas polo empobrecemento da capacidade cognitiva e perdas pola redución de escolaridade, mentres outros expertos demostraron que un investimento de 1 dólar para reducir a desnutrición crónica pode conseguir un retorno de 30 dólares mediante a mellora das prestacións de saúde e educación.

Mentres os líderes estean reunidos en Londres, grupos da sociedade civil, como a coalición Enough Food for Everyone IF - composta por máis de 200 organizacións que están a facer campaña para que o GR-8 actúe sobre o problema da fame no mundo - están xogando un papel esencial en elevar o volume da discusión sobre a desnutrición infantil.