Día da nena: case unha de cada catro adolescentes sofre violencia
Con motivo do Día Internacional da Nena, UNICEF presentou unha nova recompilación de datos que revela a magnitude da violencia contra as nenas e denunciou as alarmantes actitudes que perpetúan este tipo de abuso.
A recompilación incorpora unha selección de datos mundiais publicados ao longo do ano que detallan o impacto moi real que a violencia ten sobre as adolescentes, sobre o seu futuro e sobre o futuro das súas comunidades e países.
Día da nena: algunhas actitudes perpetúan o abuso
As principais estadísticas indican o seguinte:
- Case unha cuarta parte das nenas de 15 a 19 anos de todo o mundo (aproximadamente 70 millóns) indicaron que foron vítimas dalgunha forma de violencia física dende os 15 anos.
- Cada 10 minutos unha nena adolescente morre como resultado da violencia.
- Ao redor de 120 millóns de nenas menores de 20 anos en todo o mundo (preto de 1 de cada 10) foron vítimas de relacións sexuais forzadas ou outro tipo de actos sexuais forzados, e 1 de cada 3 nenas adolescentes de 15 a 19 anos (84 millóns) que algunha vez estiveron casadas foron vítimas de actos de violencia emocional, física ou sexual cometidos polos seus maridos ou os seus compañeiros.
- Os datos suxiren que, nalgúns países, polo menos 7 de cada 10 nenas de 15 a 19 anos que foron vítimas de abusos físicos e/ou sexuais nunca procuraron axuda: moitas dixeron que non crían que fose un caso de abuso ou non o consideraban un problema.
- En todo o mundo, máis de 700 millóns de mulleres vivas hoxe en día casaron antes de cumprir os 18 anos. Máis de 1 de cada 3 (ao redor de 250 millóns) iniciaron a unión antes de cumprir os 15 anos.
Os datos revelan percepcións prexudiciais sobre a aceptabilidade da violencia, especialmente entre as nenas. En todo o mundo, preto da metade das nenas de 15 a 19 anos cre que está xustificado que un home golpee a súa muller ou compañeira baixo determinadas circunstancias, como por exemplo se rexeita ter relacións sexuais, se abandona a casa sen permiso, se discute, se descoida os nenos ou se queima a cea.
Dende UNICEF recordamos que existen medidas específicas para evitar a violencia contra as nenas. Entre elas cabe destacar: manter as nenas na escola; proporcionarlles aptitudes fundamentais para a vida; apoiar os seus proxenitores, mesmo con transferencias de efectivo que mitiguen os riscos para as nenas; cambiando actitudes e normas por medio de conversacións comunitarias; e fortalecendo os sistemas e servizos xudiciais, penais e sociais.