Ébola en África: 3.000 toneladas métricas de subministracións enviadas para combater a epidemia

UNICEF enviou case 3.000 toneladas de subministracións que salvan vidas, incluíndo equipos de protección e medicamentos esenciais nos últimos tres meses para loitar contra a propagación do ébola en África.

Somos unha das maiores fontes de subministracións na resposta fronte ao ébola en Guinea, Liberia e Serra Leoa.

A resposta en subministracións que enviamos ata agora equivale ao peso de 250 autobuses urbanos. A medida que se intensifican os esforzos para abordar e rematar co virus, seguiremos ampliándoa incluíndo o establecemento de máis instalacións para coidar e tratar os pacientes.

Tamén seguiremos enviando equipamento protector persoal aos hospitais xa que estes traxes que usan os traballadores sanitarios que tratan casos sospeitosos ou confirmados de ébola son dun só uso para evitar o contaxio. Un traballador sanitario pode usar entre 6 e 9 cada día.

Ébola en África: a emerxencia máis complexa á que xamáis tivemos que responder 

"Está é a emerxencia máis complexa á que xamais tivemos que responder, e necesitou axilidade na provisión de produtos, cadeas de subministración e servizo de entrega", explica Shanelle Hall, directora global de subministracións e operacións loxísticas de UNICEF, quen regresou recentemente de Serra Leoa e Liberia.

A próxima semana, UNICEF convoca unha consulta global coa industria que fabrica traxes de protección para realizar previsións globais e para conseguir suficientes subministracións a nivel global. Participarán máis de 15 fabricantes, que representan á gran maioría da capacidade de produción no mundo, así como aliados clave como a OMS, Médicos sen Fronteiras, representantes dos gobernos de Reino Unido e Estados Unidos, e outros.

Dende UNICEF mantivemos un fluxo constante de envíos por avión e, máis recentemente, envíos por barco de traxes de protección, medicamentos básicos, equipamento médico, lixivia clorada e xabónUNICEF tamén está a subministrar tendas, camas e colchóns para apoiar aos gobernos na posta en marcha de novos centros comunitarios de atención, onde se pode acomodar aos pacientes con síntomas de ébola separados das súas familias e comunidades para reducir o risco de transmisión.

 

Ébola en África: enviamos ambulancias, subministracións, equipos de protección e medicinas

Algúns exemplos das subministracións que envía UNICEF:
 

  • En Guinea, ambulancias para trasladar pacientes e cadáveres.
  • En Liberia, as subministracións de UNICEF úsanse para tratar pacientes e tamén para reactivar os servizos de saúde. Dende o inicio do brote, proporcionáronse ao Ministerio de Saúde centos de miles de luvas desbotables e outras subministracións. Nas unidades de tratamento tamén se usa cloro proporcionado por UNICEF.
  • En Serra Leoa, a través dos almacéns médicos centrais do goberno de Serra Leoa, canalízase equipamento de protección (incluíndo traxes, luvas, lentes protectores, medicamentos esenciais e subministracións cloradas) para centros de tratamento, centros de retención, hospitais e unidades de atención primaria. Ademais, úsase equipamento de protección e medicamentos, tendas, camas e colchóns, nos novos centros comunitarios de atención ao ébola que UNICEF está a construír para o Ministerio de Saúde e Sanidade.