Ébola en África: Guinea inicia a apertura das escolas

Guinea inicia a reapertura das escolas, o que é unha boa noticia para os nenos.

Dende UNICEF, estamos a traballar para reducir o risco de transmisión de ébola, a través da formación de profesores para implementar medidas de seguridade, como a toma diaria de temperatura, e subministramos termómetros e kits de lavado de mans para as escolas.

"O peche das escolas tivo un profundo impacto na rexión, que á súa vez ten algúns dos indicadores educativos máis baixos do mundo, e entre os nenos que viron como o seu mundo se virou do revés polo ébola", explica Peter Salama, Coordinador de UNICEF na emerxencia de ébola. "A medida que as escolas volvan abrir, é fundamental que sexan un ámbito de protección no que o risco de transmisión de ébola se
reduza ao mínimo, e que o coñecemento contribúa a deter a propagación do virus".
 

Ébola en África: "os nenos viron cómo o seu mundo se vira do revés"

Debido ao ébola, as escolas públicas en Guinea, Liberia e Serra Leoa permaneceron pechadas despois das vacacións de xullo e agosto, privando 5 millóns de nenos dunha educación durante meses.

As escolas públicas en Guinea reabriron oficialmente esta semana. En Liberia e Serra Leoa, tamén estamos a traballar cos gobernos e as comunidades para prepararnos para a eventual reapertura das escolas.

Os protocolos de seguridade desenvolvidos polos ministerios de educación, xunto con UNICEF e os nosos aliados, inclúen a toma de temperatura ao entrar na escola, e non permitir no recinto a calquera persoa que teña unha febre superior a 38° C, que tivese contacto cun paciente ou vítima de ébola nos últimos 21 días ou que teña tres síntomas de ébola - como febre, diarrea e vómitos. Os protocolos tamén explican como manexar un caso sospeitoso a través dun sistema de referencia co
centro de saúde máis próximo.
 

Ébola en África: clases por radios solares

Os profesores teñen un papel importante que desempeñar na difusión de información mentres as escolas estean pechadas e no apoio á seguridade cando se volvan abrir. UNICEF formou miles de profesores para participar en campañas de mobilización social que dean aos nenos, pais, mestres e outros membros da comunidade o coñecemento que necesitan para protexerse do ébola e previr unha maior transmisión do virus.

Dende UNICEF, coa axuda dos nosos aliados, tamén proporcionamos ás escolas miles de kits de hixiene, que inclúen xabón e cubos. Debido a que as escolas nos países afectados a miúdo non teñen acceso a auga potable, estamos a axudar a mobilizar os pais e outros membros da comunidade para subministrar auga ás escolas.

En Liberia e Serra Leoa, damos apoio ás autoridades na extensión dos programas de educación en raio para que os nenos non perdan por completo a súa educación mentres as escolas permanecen pechadas. Para facer fronte á falta de aparatos de raio e a unha electricidade pouco fiable, en UNICEF adquirimos as primeiras 17.000 de 50.000 radios solares que se distribuirán aos fogares máis vulnerables, e está a traballar con aliados en educación para dar leccións pre-gravadas nas zonas máis difíciles de chegar.


Doa para axudarnos a frear o ébola.