Educación en Paquistán: "Quero que a miña filla estude e teña un futuro próspero"

Mentres os agricultores traballan nos seus campos na vila de Sheen Patay (Paquistán) as nenas acoden por primeira vez, despois de moito tempo, á súa renovada escola, grazas a unha campaña promovida por UNICEF. Trátase dunha vila situada no val de Swat, na provincia paquistaní de Khyber Pakhtunkhwa, onde as inundacións e os conflitos causaron un gran número de vítimas.

"Durante o conflito, o edificio da escola sufriu estragos e os pais tiveron medo de enviar as nenas á escola. Eu mantívena aberta, pero a situación estaba moi mal e o número de alumnos matriculados descendeu bruscamente", explica a profesora Mussarat Afzal.

En contraste co frío cortante que fai fóra, a aula acabada de pintar do interior da escola desprende calor e felicidade. Na clase, as nenas aprenden a lección de inglés coa súa profesora.

"Hoxe é un día especial", engade a mestra. "Despois de case dous anos, este é o primeiro día que estamos a dar clase dentro do edificio. Facía xa demasiado frío para ter as nenas sentadas fóra".

A educación, clave para a reconstrución

"Estabamos moi preocupados, porque a escola sufrira danos e as nenas non podían acudir", explica Dilshad Begum, nai de nove nenos e Presidenta do Consello de pais e profesores. A súa filla de 11 anos, Isharat Bibi, é unha estudante de cuarto grao na escola.[]

"Hoxe é un día feliz, xa que o edificio está outra vez en uso e, cando vai frío, as nenas poden recibir as súas clases dentro. Eu non teño estudos e tiven unha vida moi dura. Quero que a miña filla estude e teña un futuro próspero", comenta Begum.

"Quedei moi triste cando pechou a escola durante o conflito", lembra Anmol Javed, unha estudante de 13 anos. "Logo, durante as inundacións, volvérona pechar".

Campaña 'Benvidos á escola'

O mesmo día que recomezaron as clases, membros do Consello de pais e profesores reuníronse con impulsoras sociais femininas daHuman Resource Development Society (Sociedade para o Desenvolvemento dos Recursos Humanos), unha organización que colabora con UNICEF na campaña Benvidos á escola.
 
A reunión tiña un obxectivo fundamental:involucrar a comunidade local, especialmente as nais, no aumento de matriculación escolar das nenas.

A campaña pretende impulsar o deteriorado sistema educativo do país. O sistema sufriu os danos dos conflitos que asolagaron a rexión e, máis recentemente, as consecuencias das catastróficas inundacións de xullo do pasado ano.

Traballo continuo pola educación

UNICEF é plenamente consciente de que para levar a normalidade ás aldeas do val de Swat, como Sheen Patae, é fundamentalrestablecer a educación na zona. Ata agora,máisde 1.000 escolas primarias estatais beneficiáronse da iniciativa Benvidos á escola e creáronse 900 Consellos de pais e profesores. Ademais, UNICEF apoiou numerosos actos comunitarios para elevar o número de matrículas.