Europa Central e do Leste e Asia Central: hai menos nenos encarcerados pero necesítanse máis reformas

Os nenos de Europa Central e do Leste e Asia Central viron como se materializaron reformas constantes e positivas a favor dos seus dereitos, pero aínda se enfrontan a enormes barreiras para acceder á xustiza, segundo un novo informe da Unión Europea (UE) e UNICEF presentado en Bruxelas, no marco dunha conferencia sobre xustiza para nenos.

 
O informe, Xustiza de menores na rexiónCEE/CIS (Europa Central e do Leste/Comunidade de Estados Independentes): Avances, Retos, Obstáculos e Oportunidades (PDF, en inglés), subliña que en toda a rexión hai cada vez menos nenos encarcerados. Tamén fai referencia aos malos tratos, que ás veces constitúen tortura, que se rexistran en todos os países enquisados. O réxime de illamento aínda permítese en case todos eles.

A UE e UNICEF eloxian os avances realizados polos gobernos da rexión, incluídos os países que proximamente se incorporarán á UE, para ampliar o alcance das reformas sobre a protección sistemática dos dereitos de todos os nenos no proceso xudicial. Reformas máis amplas que incluirán poñer fin á cultura da impunidade das autoridades e dar acceso á xustiza a todos os nenos que son vítimas ou testemuñas de delitos.

A lexislación de moitos destes países estase a achegar aos estándares internacionais. É importante destacar que os cambios producidos na lexislación, en materia de sentenzas e outras reformas, tamén deron lugar a unha diminución substancial no número de nenos que languidecen no cárcere.

"A pesar dos avances, aínda hai marxe para introducir melloras no que respecta aos dereitos dos nenos (...) É esencial que os países da nosa rexión non só se adhiran aos estándares internacionais de Dereitos Humanos, senón que tamén garantan a aplicación efectiva da lexislación de xustiza penal recentemente aprobada, que nalgúns países é moi progresista," dixo o Comisario Europeo de Políticas de Ampliación e Veciñanza,Štefan Füle, no seu discurso de apertura da conferencia.

Neste sentido, a Directora Executiva Adxunta de UNICEF,Yoka Brandt, sinalou que "cantos máis nenos en conflito coa lei se vexan excluídos da sociedade, máis difícil será para eles recuperarse".

"Avanzouse, pero a xustiza é a miúdo cega ante as necesidades dos nenos. Os sistemas de xustiza deben adaptarse para satisfacer os dereitos de todos os nenos", engadiu.