Galicia ilumínase de azul polo 30 Aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno

Municipios e Administracións Públicas galegas súmanse á conmemoración deste aniversario iluminando de azul espazos emblemáticos para visibilizar logros alcanzados e desafíos pendentes.

Galicia se ilumina de azul el Día Mundial de los Niños

20/11/2019

Con motivo dos 30 anos da Convención dos Dereitos do Neno (CDN), este 20 de novembro Galicia tínguese de azul. Diversas institucións públicas galegas súmanse a esta iniciativa simbólica coa que se pretende visibilizar a necesidade de adoptar accións innovadoras e urxentes para facer fronte ás ameazas que afectan á infancia.

Cidades Amigas da Infancia galegas sumáronse a esta iniciativa para conmemorar 30 anos de percorrido da CDN e lembrar a necesidade de seguir traballando polo benestar e desenvolvemento de todos os nenos e nenas en Galicia e en todo o mundo: o Concello de Ourense, Castrelo de Miño, O Porriño, Redondela, Cabanas, Carnota, Moeche e Tomiño iluminarán de azul edificios e monumentos emblemáticos.

A Xunta de Galicia e as Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os Concellos de Boqueixón e Cambados tamén se suman enchendo de azul as fachadas principais de edificios institucionais. O Concello de Vigo iluminará as fontes da rúa Aragón e nalgúns casos tamén se proxectará a imaxe do 30 Aniversario da CDN. A Deputación de Lugo ademais proxectará un vídeo mupi con imaxes de nenas, nenos e adolescentes.

30 anos da Convención dos Dereitos do Neno

Desde que se aprobou a CDN hai 30 anos producíronse avances históricos para os nenos e nenas do mundo. Con todo, moitos dos nenos máis pobres aínda non notaron os seus efectos, segundo un novo informe titulado A Convención sobre os Deretos do Neno nunha encrucillada no que se examinan os innegables logros que se produciron ao longo destes anos, que demostran que a vontade e a determinación políticas teñen o poder de mellorar as vidas dos nenos.

Para acelerar o progreso na promoción dos dereitos da infancia, e para abordar o estancamento e o retroceso dalgúns destes dereitos, é necesario:

  • Producir máis datos e probas.
  • Ampliar as solucións e intervencións de eficacia demostrada.
  • Aumentar os recursos.
  • Promover a participación dos mozos na elaboración conxunta de solucións.
  • Aplicar os principios de equidade e igualdade de xénero na programación.

En palabras da directora executiva de UNICEF Henrietta Fore “Ademais dos desafíos persistentes que afrontan en materia de saúde, nutrición e educación, os nenos de hoxe en día teñen que facer fronte a novas ameazas como o cambio climático, o abuso en liña e o ciberacoso. Só coa innovación, as novas tecnoloxías, a vontade política e o aumento dos recursos axudaremos a facer realidade a visión da Convención sobre os Dereitos do Neno para todos os nenos do mundo”.