Galicia: urxe unha lei autonómica de infancia e adolescencia

Presentamos o noso primeiro informe La infancia en Galicia 2018, no que analizamos as políticas públicas de infancia e propoñemos melloras en educación, saúde, participación, protección e pobreza

Infancia en Galicia 2018

13/12/2018

En Galicia non hai unha lei autonómica de infancia e adolescencia, nin organismos e estruturas dedicadas especificamente á análise da situación e a defensa dos dereitos de nenos e nenas. É unha das conclusións ás que chegamos no informe La infancia en Galicia 2018.

Por iso, recomendamos a posta en marcha e dotación orzamentaria anual da Estratexia Galega de Infancia e Adolescencia (EGIA), impulsar unha Lei autonómica de Infancia e Adolescencia, y la creación y dotación económica y de recursos humanos del Observatorio Galego da Familia e da Infancia, entre outras propostas.

O obxectivo deste informe, realizado por un amplo equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é ampliar a calidade e a cantidade da información sobre a situación dos nenos e nenas en Galicia. Coñecer mellor a súa realidade é a única forma de empezar a cambiala. E iso é o que fixemos:

  • Educación: o número medio de anos de escolarización na educación infantil de 0 a 6 anos é de 4,1, un dos valores máis altos do país. En 2017 a cifra de abandono escolar temperán descendeu a un 14,6%. Doutra banda, desde o inicio da crise e ata 2014 hai unha caída continuada do gasto público en educación non universitaria.
  • Saúde: Galicia é a comunidade onde se detectan máis vulneracións do dereito sanitario, especialmente en canto ao acceso dos nenos inmigrantes aos servizos de saúde. Doutra banda, 1 de cada 3 nenos teñen obesidade ou sobrepeso.
  • Participación: en Galicia hai 9 Cidades Amigas da Infancia (Cabanas, Carnota, Castrelo de Miño, Moeche, Ourense, Porriño, Redondela, Teo e Tomiño), que contan con órganos estables de participación infantil. Ademais, este mesmo ano o Parlamento autonómico aprobou a posta en marcha do Consello Galego da Infancia e a Adolescencia.
  • Protección: nos últimos anos aumentou a cifra de menores de idade vítimas dos delitos de violencia no ámbito familiar, e contra a liberdade e a indemnidade sexual. Especial mención merecen os nenos estranxeiros non acompañados, xa que o sistema de acollida e protección deste colectivo presenta lagoas en Galicia, e en España en xeral.
  • Pobreza infantil e exclusion social: 1 de cada 4 nenos está en risco de pobreza ou exclusión social, unha taxa inferior á doutras comunidades autónomas.

Infancia en Galicia: unha Axenda para a acción

Ademais de ofrecer o diagnóstico, tamén propoñemos unha serie de recomendacións sobre as accións e medidas a emprender para promover e protexer os dereitos dos nenos da comunidade:

  1. Garantir o dereito á educación e un investimento suficiente no primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos), valorándose manter esta etapa na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
  2. Seguir avanzando na redución da taxa de abandono escolar temperán, situándoa por baixo do 10%.
  3. Asegurar o acceso á atención sanitaria pública, gratuíta e de calidade a todos os  nenos e nenas de orixe inmigrante.
  4. Poñer o foco no Plan Xermola para a prevención da obesidade infantil.
  5. Creación e posta en marcha do Consello Galego da Infancia e a Adolescencia, como órgano participativo autonómico.
  6. Difundir o Protocolo Básico de intervención contra os malos tratos infantís no ámbito familiar,, así como as Follas de notificación de Sospeitas de Malos Tratos Infantís entre os profesionais.
  7. Dotar ao sistema de protección de recursos económicos e humanos adecuados e suficientes para garantir unha atención individualizada a nenos e adolescentes..
  8. Promover a solidariedade e corresponsabilidade da Xunta e do resto de gobernos autonómicos coas comunidades que reciben maior número de nenos estranxeiros non acompañados.
  9. Establecer unha prestación por fillo menor de idade a cargo de 1.200 euros ao ano, empezando polos máis vulnerables.