Gaza e Israel: o sufrimento dos nenos debe deterse
Os ataques aéreos por parte de Israel sobre a franxa de Gaza cobráronse a vida de 35 nenos palestinos e feriron polo menos 296 menores na última semana.
Os nenos palestinos, tras dúas semanas de ataques, mostran signos de extrema ansiedade, medo e inseguridade e polo menos 25.000 necesitan apoio psicosocial urxente en Gaza.
Na zona de West Bank, en Cisxordania, as nenas e os nenos tamén se viron afectados polas demolicións de vivendas e as operacións militares, detencións, malos tratos, o acoso nos postos de control e o aumento dos ataques dos colonos.
Medios de comunicación tamén alertan de que varios nenos israelís resultaron feridos polos ataques con mísiles dende Gaza.
O persoal de UNICEF en Gaza falou coas familias, que describen o profundo impacto emocional que a actual violencia está a ter nos nenos palestinos: nenos que non dormen ou que teñen pesadelos, que deixaron de comer, e que están a mostrar signos terribles de sufrimento mental.
GAZA: OS NenOS MoSTRAN SIGNOS TERRIBLES DE SUFRIMENTO
A operación 'marxe protectora' que Israel puxo en marcha o 7 de xullo destruíu, ademais, parte das liñas de transporte de auga, canalizacións e rede de sumidoiros, polo que 400.000 persoas na cidade de Gaza xa non teñen acceso a auga potable e 600.000 máis están en risco de perdelo nos próximos días. Catro das liñas que subministran electricidade a Gaza tamén foron danadas, o que deixou o 75% da cidade sen electricidade.
Un médico e dous profesionais sanitarios foron asasinados e dous hospitais, catro centros de atención primaria e tres ambulancias foron atacados. Dende o domingo os hospitais que se manteñen abertos funcionan con recursos aínda máis escasos e cada vez é máis limitado o número de camas dispoñibles.
72 escolas foron branco tamén dos ataques, o que afecta directamente a máis de 50.000 estudantes que quedaron sen acceso á educación.
Cinco equipos de apoio en emerxencias de UNICEF traballan para tratar de evitar unha deterioración maior da situación humanitaria. Nestes momentos púxose en marcha a loxística necesaria para brindar apoio nos labores de reparación das estruturas sanitarias, realizar unha distribución urxente de kits de hixiene e construír tanques de auga. Tamén se traballa para distribuír recursos básicos como medicinas, apoiar as familias e asegurar protección aos nenos.
Gaza: unha poboación en sufrimento constante
A poboación da franxa de Gaza é de 1,8 millóns de persoas e segue crecendo. A metade son nenos menores de 18 anos.
Os palestinos da zona costeira que rodea á cidade de Gaza xa sufriron as consecuencias de tres grandes escaladas de violencia en menos de seis anos (a operación 'plomo fundido', en decembro de 2008 e xaneiro de 2009; 'piares de defensa', en novembro de 2012; e a ofensiva militar 'marxe de protección', que comezou o día 7 de xullo).
Gaza estivo baixo bloqueo israelí e co peche parcial das fronteiras con Exipto dende que Hamás tomou o poder no ano 2007. Despois de máis de sete anos de bloqueo, as restricións á circulación de persoas e mercadorías deron lugar a altas taxas de desemprego, pobreza e dependencia da axuda internacional.