Investir nos nenos é a clave do futuro de Europa
Agora máis que nunca é o momento de tomar importantes decisións para o futuro e atacar a pobreza directamente ao corazón: a equidade dos europeos empeza polos nenos!
UNICEF, xunto coas redes Europeas de Infancia, Pobreza e Cáritas Europa pediron aos ministros de Emprego, Asuntos Sociais e Sanidade, que se reúnen en Luxemburgo esta semana, que actúen e promovan medidas para reducir a pobreza e a exclusión social da infancia.
mÁiS DE 25 millóns de nenos viven en exclusión social na Unión Europea
Un de cada catro nenos viven en pobreza ou exclusión social na Unión Europea (case un de cada tres en España) e son en total máis de 25 millóns. Ademais, son moi altos os niveis de fracaso escolar e o número de nenos que viven en fogares nos que ninguén traballa. Se se queren levar a cabo os obxectivos da Europa 2020 (baseados nunha economía intelixente e sostible, e nunha sociedade incluínte) esta situación ten que cambiar.
Neste momento de altos niveis de desemprego e traballo precario, as familias e os nenos están a afrontar, ademais, recortes nas axudas e en servizos cruciais como resultado das medidas de austeridade.
O 20 de xuño, os ministros dos 27 países da UE reúnense para discutir sobre o Paquete de Investimento Social para o Crecemento e a Cohesión, presentado en febreiro. Nun momento no que as prioridades macroeconómicas son aínda predominantes no debate, é importante mellorar o investimento en inclusión social que poida mitigar as brechas sociais ás que se enfrontan moitos nenos e familias.
os dereitos dos nenos como cidadáns
O Paquete de Investimento Social inclúe a recente Recomendación da UE sobre Investir en infancia: romper o círculo das desvantaxes. Moitas coalicións europeas, cuxos membros traballan directamente coas familias e os nenos, deron a benvida a estas guías para as políticas que reforza o enfoque integral das medidas e recoñece os dereitos dos nenos como cidadáns.
Os Fondos Estruturais da Unión Europea deben ser empregados estratexicamente polos Estados para proporcionar recursos especialmente necesarios para reformar as políticas e impulsar servizos e axudas ás familias e os nenos dunha forma integral. A Estratexia Europa 2020 e o Paquete de Investimento Social poden conxuntamente poñer en marcha a Recomendación. O proceso de avaliación dos Programas Nacionais de Reformas e as recomendacións específicas para os países deben empurrar os gobernos a ser máis decididos para afrontar os seus obxectivos de redución da pobreza.
Propostas ao Goberno de España
A aplicación da Recomendación de Inverter en Infancia, depende das eleccións políticas dos Estados. Require que os países analicen dun xeito amplo cales son as necesidades dos nenos para desenvolverse e alcanzar o seu máximo potencial. E iso significa que as familias deben ter acceso aos recursos axeitados, que os servizos deben ser de calidade e accesibles e alcanzables para todos; e que os nenos deben poder ter a súa propia voz nas decisións que afectan as súas vidas.
Nesta liña de traballo, UNICEF España e un conxunto de organizacións e plataformas sociais fixeron ao Goberno de España un conxunto de propostas para a aplicación da Recomendación en España. Mediante estas propostas preténdese incluír a prioridade da infancia na redacción dos próximos plans de Inclusión Social e de Apoio ás Familias que o propio Goberno se comprometeu a desenvolver, e que son cada vez máis necesarios e urxentes.