Iraq: A axuda empeza a chegar aos nenos desprazados polo conflito
Un avión de carga con subministracións de emerxencia para os nenos afectados polo conflito en Iraq chegou onte martes a Erbil. O avión, procedente de Dubai, transportou 33 toneladas métricas de subministracións de UNICEF, incluíndo 10 carpas 2.000 mantas 20 escolas nunha maleta, kits de recreación, 5.000 kits de hixiene e 20 kits de desenvolvemento da primeira infancia, como parte da resposta en curso de UNICEF á crise.
"A nosa prioridade é responder o máis rapidamente posible ás necesidades dos nenos iraquís e proporcionar subministracións humanitarias para salvar vidas, especialmente auga potable, servizos de saneamento, vacinas contra enfermidades como a polio e o sarampelo, así como espazos amigos da infancia e educativos", dixo Marzio Babille, Representante de UNICEF en Iraq.
UNICEF calcula que polo menos 450.000 nenos se converteron en desprazados como resultado da recente crise en Mosul, e como resultado de meses de enfrontamentos na veciña provincia de Anbar.
UNICEF en Iraq, xunto cos seus aliados, distribuirá as subministracións que chegaron por avión a máis de 35.000 nenos e as súas familias.
"Ademais de atender ás necesidades básicas dos nenos iraquís afectados por esta crise, non debemos esquecer os nenos sirios que se refuxiaron en Iraq. Os nosos recursos son escasos pero estamos a facer todo o posible para responder a esta dobre crise", dixo Babille.