Morren dúas traballadoras de UNICEF nun atentado en Kabul
Declaración de UNICEF pola perda de dous membros do seu equipo no atentado de Kabul
"Hai menos dun ano que UNICEF rendía tributo aos compañeiros que perderon a vida polo ben dun futuro mellor para todos os nenos, nun acto conmemorativo na casa de UNICEF en Nova York. Hoxe, con moita tristura e indignación, temos que engadir dous nomes máis a esa lista de heroes.
Basra Hassan, especialista en Nutrición, e Nasreen Khan, especialista en Saúde, morreron no tráxico ataque a un restaurante en Kabul, na tarde do 17 de xaneiro de 2014. É difícil medir a profundidade da nosa conmoción e a dor ao recibir a noticia -e tamén a magnitude da nosa indignación por esta violencia sen sentido.
Estas compañeiras eran parte do equipo de UNICEF en Afganistán e de toda a comunidade de persoal internacional -algúns dos cales tamén faleceron onte en Kabul- que está dedicada a mellorar as vidas doutros e a construír un mundo mellor e máis seguro para todos. Así pois, a perda das nosas colegas non é só persoal, é ademais unha perda para esa causa indispensable. Rendemos honra ao seu sacrificio, e lamentamos profundamente as súas mortes.
Mentres asumimos o impacto desta terrible perda, as familias das compañeiras caídas pedíronnos respecto á súa privacidade nestes momentos difíciles. UNICEF permanece unida nas nosas condolencias e solidariedade coas familias e seres queridos do noso persoal, e tamén na nosa determinación de continuar o traballo polo que deron a vida as nosas compañeiras".