Os dereitos da infancia protagonistas na Semana coa Infancia da CRTVG e UNICEF
TVG, Radio Galega e os medios dixitais emitirán, desde o luns 20 ata o domingo 26 de novembro, contidos con foco na Convención sobre os Dereitos do Neno
22/11/2023
Desde o luns 20 ata o domingo 26, a CRTVG celebra connosco o #DíaMundialdaInfancia na XIII Semana coa Infancia, campaña de concienciación en torno aos dereitos da infancia.
Ao longo de toda a semana, xornalistas e presentadores da TVG e da Radio Galega divulgarán os artigos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN) co obxectivo de avanzar no seu cumprimento. Marta Darriba, Iria Soengas, María Solar, Terio Carrera, Eduardo Herrero, Kiko Novoa, Cristina García, Águeda Penedo, Antón Rebollido ou Victoria Rodríguez, da RG, entre outros, serán a voz e o rostro da campaña.
Ademais, os programas informativos da TVG e da Radio Galega colaborarán emitindo contidos e entrevistas relacionados coa actualidade internacional.
Así, no ‘Bos días’ do luns 20 entrevistarase a Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia, no do mércores a Ana Sotto-Mayor, directora de comunicación de UNICEF España, e o domingo a José María Vera, director ejecutivo de UNICEF España, quen trasladará as últimas novas sobre a situación da infancia na franxa de Gaza.
‘A Revista’ acompañará o martes aos nenos e nenas no Pleno de Participación Infantil e Adolescente de Redondela e emitirá, o xoves, unha entrevista con Lucía Regueiro, actriz, presentadora, e Amiga de UNICEF Comité Galicia. Tamén ‘#DígochoEu’ editará un vídeo especial relacionado co impacto de internet e as redes sociais na adolescencia. No ‘ZigZag FdS’, María Solar fará un percorrido polos artigos da CDN relacionados coa cultura de nenos, nenas e adolescentes.
O magazine da sobremesa, ‘Quen anda aí’, convidará a María Solar, xornalista especializada en cultura, escritora e recente Amiga de UNICEF Comité Galicia, quen trasladará como promove o dereito á saúde, á participación e á educación da adolescencia na contorna dixital. Tamén na tarde, o programa de actualidade ‘Hora galega’ achegarase a un centro educativo e amosará o compromiso da rapazada coa Convención sobre os Dereitos do Neno e a importancia da implicación social para acadar o seu cumprimento. E o venres 24, ‘Luar’ emitirá unha edición especial para achegar á súa audiencia o noso traballo.
Na radio, espazos como ‘A tarde’ ou ‘Galicia en goles’ súmanse ao labor divulgativo con contidos relacionados co deporte e o benestar, a educación en dereitos, o dereito á auga ou a implicación da cooperación descentralizada e do sector privado para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030. En ‘A tarde’, será o venres 24 cunha conversa coa presidenta de UNICEF Galicia e unha adolescente participante no Consello Galego de Participación Infantil e Adolescente. Xa no tempo de deporte da fin de semana, o ‘Galicia en goles’ convidará rapaces que serán entrevistados e compartirán, durante uns minutos, tarefas de presentación con Xoán Galán, xefe de Deportes da emisora.
E pola súa parte, o magazine das tardes da fin de semana ‘Xuntos en directo’ implicarase co dereito á participación no III Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente en Carballiño, e contará coa Amiga de UNICEF Comité Galicia Lucía Regueiro como convidada.
A isto cómpre engadir o labor das canles dixitais da CRTVG, a través do cancelo #SemanacoaInfancia e da emisión de vídeos e pezas especiais sobre os dereitos da infancia e cunha canle temática en www.crtvg.gal.
Gustaríache facer algo extraordinario hoxe?
Faite socio. Elixe agora a túa achega mensual