Os nenos poderán presentar denuncias por violacións aos seus dereitos ante Nacións Unidas

Os nenos poderán presentar denuncias ante o Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas para buscar reparación ás violacións dos seus dereitos.

Coa ratificación realizada esta semana por Costa Rica, o Terceiro Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN) relativo a un Procedemento de comunicacións entrará en vigor en abril deste ano.

"Os grandes avances para os dereitos da infancia só son posibles cando existen ferramentas lexislativas e xurídicas que os posibilitan. Esta semana deuse un gran paso neste camiño porque coa firma deste protocolo por parte de Costa Rica se cobre o quórum de países necesario para a entrada en vigor desta importante ferramenta", indicou Consuelo Crespo, presidenta de UNICEF Comité Español.

" Que significa o Terceiro Protocolo para os nenos? Significa que calquera neno ou grupo de nenos poden presentar ante o Comité de Dereitos do Neno de Nacións Unidas denuncias sobre violacións aos seus dereitos. Significa que nenos que se enfrontan a sufrimentos atroces como os numerosos casos que vemos a diario nos distintos conflitos, poderán trasladar a súa situación ao Comité o cal poderá tomar medidas para protexer os nenos contra calquera posible represalia, solicitando ao Estado correspondente que adopte medidas provisionais para protexer o neno ou grupo de nenos,".
 
O Terceiro Protocolo Facultativo da CDN fortalecerá ademais a rendición de contas, non só ao axudar a determinar as lagoas nos sistemas xudiciais relativos aos nenos a nivel nacional, senón tamén ao apoiar as institucións independentes de dereitos humanos da infancia, como se pide na CDN.

A CDN, que entrou en vigor en 1989, é o tratado de dereitos humanos máis amplamente ratificado da historia e reflicte un consenso entre os gobernos do mundo de que hai certas normas mínimas das cales todos os nenos deben gozar.

No marco do novo Protocolo, só aqueles nenos cuxos gobernos o ratificasen poden presentar as súas queixas ante o Comité dos Dereitos do Neno.
 

NoVO PROTOCOLO DA cONVENCIÓN: INCLUIR OS NenOS MÁiS VULNERABLES

Todos os Estados Partes na CDN e os seus tres protocolos facultativos teñen a obriga de facilitar que estes mecanismos estean dispoñibles para todos os nenos, así como de realizar un especial esforzo para incluír os nenos máis vulnerables ás violacións dos dereitos, en especial nenos excluídos e marxinados como son os nenos con minusvalidez, os nenos indíxenas e os nenos das minorías.

O Comité dos Dereitos do Neno poderá tomar medidas para protexer os nenos que presenten denuncias contra calquera posible represalia, solicitando ao Estado que adopte medidas provisionais para protexer o neno ou grupo de nenos.

"No caso de que se chegue á conclusión de que o Estado violou dereitos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno, os Estados que asinaron a Convención estarán obrigados a aplicar as recomendacións que realice o Comité. Significará tamén que esas atrocidades sairán á luz e ogallá iso provoque unha reacción e un rexeitamento unánime", subliñou Consuelo Crespo.

O Comité dos Dereitos do Neno está integrado por 18 expertos independentes de dereitos humanos internacionais que supervisan a aplicación polos Estados Partes da CDN e os protocolos facultativos.

Os países que ratificaron o Terceiro Protocolo Facultativo ata a data son: Albania, Alemaña, Bolivia, Costa Rica, Gabón, Eslovaquia, España, Montenegro, Portugal e Thailandia.